
“Luis Rodríguez Míguez foi clave na modernización da saúde pública provincial e na defensa do termalismo como un dos grandes sinais de identidade e oportunidades de Ourense. E deixou unha pegada fonda e duradeira na cidade, tanto desde o punto de vista sanitario como científico e humano”, destaca a voceira, Ana Méndez
“Grazas ao seu labor, Ourense situouse no mapa como referente científico e académico do termalismo, proxectando as nosas augas mineiro-medicinais a nivel galego, estatal e internacional. Tamén apoiou a creación e consolidación de estruturas académicas e sanitarias vencelladas á hidroloxía médica”, explica a portavoz
“Dedicar unha rúa ao doutor Luis Rodríguez Míguez é unha maneira de poñer en valor o talento, o esforzo e o compromiso co ben común, e de reforzar a identidade dunha cidade que é saúde, coñecemento e termalismo. Agardamos que esta proposta conte co apoio unánime da Corporación
12, xaneiro, 2026
O Grupo Municipal Popular levará ao pleno do mes de xaneiro unha moción para iniciar un expediente de honras e distincións co obxectivo de denominar unha vía pública da cidade co nome do doutor Luis Rodríguez Míguez, figura de referencia da saúde pública, da docencia universitaria e, de maneira moi destacada, do termalismo e da hidroloxía médica en Ourense.
“Luis Rodríguez Míguez foi clave na modernización da saúde pública provincial e na defensa do termalismo como un dos grandes sinais de identidade e oportunidades de Ourense. E deixou unha pegada fonda e duradeira na cidade, tanto desde o punto de vista sanitario como científico e humano”, destaca a voceira, Ana Méndez.
O doutor Rodríguez Míguez exerceu durante dúas décadas como Xefe Provincial de Sanidade en Ourense, converténdose na máxima autoridade sanitaria da provincia e impulsando políticas preventivas, de vixilancia epidemiolóxica, promoción da vacinación, saúde alimentaria e formación sanitaria. “Falamos dun profesional que traballou con rigor, vocación de servizo público e compromiso coa mellora da calidade de vida da veciñanza”, sinala a popular.
Os populares destacan especialmente o seu papel determinante na consolidación do termalismo e da hidroloxía médica como eixo estratéxico para Ourense. “Grazas ao seu labor, Ourense situouse no mapa como referente científico e académico do termalismo, proxectando as nosas augas mineiro-medicinais a nivel galego, estatal e internacional.
A súa traxectoria inclúe tamén unha destacada carreira docente como Profesor Titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade de Vigo, así como unha ampla produción científica con obras de referencia sobre o termalismo ourensán. Ao longo da súa vida recibiu numerosos recoñecementos institucionais, entre eles varias Medallas de Ouro e o ingreso na Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia.
“Dedicar unha rúa ao doutor Luis Rodríguez Míguez é unha maneira de poñer en valor o talento, o esforzo e o compromiso co ben común, e de reforzar a identidade dunha cidade que é saúde, coñecemento e termalismo”, afirma Ana Méndez. “Agardamos que esta proposta conte co apoio unánime da Corporación, porque é un recoñecemento merecido e que honra a Ourense”, conclúe a portavoz do PP.