O PP reclama máis presenza de Policía Local e que o Goberno de España cumpra a súa promesa de incorporar 19 axentes de Policía Nacional

“A seguridade é un dereito fundamental e é responsabilidade tamén do goberno municipal garantir que Ourense sexa unha cidade segura e habitable para todos”, subliñou a presidenta da Xestora Local do PP da cidade e portavoz do Grupo Municipal Popular, Ana Méndez, nunha visita ao barrio da Ponte

“Estamos tan acostumados aos incumprimentos do Partido Socialista con Ourense que este é un exemplo máis dunha falta de respecto á nosa cidade. Esta falta de efectivos reduce a capacidade operativa da Policía Nacional nun momento no que Ourense necesita máis medios ca nunca”, asegurou a deputada nacional, Ana Vázquez

“Se vemos os últimos datos publicados polo Ministerio de Interior que hai de xaneiro a setembro de 2025 e os comparamos co período xaneiro a setembro desde 2019, que é desde que Gonzalo Pérez Jácome é alcalde de Ourense, vemos como a criminalidade na cidade subiu un 73,4%”, indicou a deputada nacional

“A veciñanza de todos os barrios da cidade ten dereito a vivir tranquila. Ourense non pode converterse nunha cidade onde a inseguridade sexa parte do día a día. Imos seguir escoitando, denunciando e esixindo solucións reais”, concluíu Ana Méndez

31, xaneiro, 2026

O Partido Popular da cidade de Ourense realizou esta mañá unha visita ao barrio da Ponte para manter encontros con veciños, comerciantes e hostaleiros da zona, co obxectivo de coñecer de primeira man como continúa a situación de inseguridade que levan sufrindo desde hai meses.

Na visita participaron a presidenta da Xestora Local do PP da cidade e portavoz do Grupo Municipal Popular, Ana Méndez; a deputada nacional, Ana Vázquez; a senadora nacional, Rosa María Sánchez; e a concelleira e deputada no Parlamento de Galicia, Noelia Pérez, que ademais é veciña deste barrio.

Durante o percorrido, as representantes do PP escoitaron as preocupacións da veciñanza e dos responsables de distintos negocios, que seguen a denunciar unha constante escalada de roubos e actos vandálicos, así como a escasa presenza policial en determinadas zonas do barrio, unha situación que está a afectar tanto á actividade económica como á tranquilidade persoal dos veciños.

Neste senso, a presidenta da Xestora Local e portavoz municipal, Ana Méndez, subliñou que “a seguridade é un dereito fundamental e é tamén responsabilidade do goberno municipal garantir que Ourense sexa unha cidade segura e habitable para todos”. Neste senso compartiu coa veciñanza que “efectivamente hai unha falta de efectivos e de medidas preventivas, pero nós seguimos a reclamar máis Policía Local a pé nos barrios”.

Ana Méndez destacou tamén que o Partido Popular leva reclamando solucións desde o primeiro momento a nivel autonómico e estatal: “Desde o Partido Popular levamos meses denunciando esta situación no salón de plenos do Concello, pero tamén no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados. Pero a realidade é que hai unha total pasividade das administracións responsables”.

Nesta liña, a deputada Nacional, Ana Vázquez, lembrou que un ano despois de que o ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska prometese a incorporación de 19 axentes para completar a Unidade de Prevención e Reacción (UPR) da Policía Nacional en Ourense segue sen incorporarse ningún. “Estamos tan acostumados aos incumprimentos do Partido Socialista con Ourense que este é un exemplo máis dunha falta de respecto á nosa cidade”, sinalou Vázquez. “Esta falta de efectivos reduce a capacidade operativa da Policía

Nacional nun momento no que Ourense necesita máis medios ca nunca, especialmente ante o aumento dos incidentes rexistrados en distintos barrios”, engadiu a popular. A deputada nacional remitiuse aos estatísticas oficiais para demostrar esta situación: “Se vemos os últimos datos publicados polo Ministerio de Interior, que son de xaneiro a setembro de 2025, e facemos unha comparativa co mesmo período desde 2019, que é desde que Gonzalo Pérez Jácome é alcalde de Ourense, vemos como a criminalidade na cidade subiu un 73,4%”, asegurou a deputada nacional.

Desde o Partido Popular insisten en que a inseguridade non pode normalizarse e reclaman unha resposta inmediata e coordinada entre administracións: “Os veciños da Ponte, como os dos outros barrios da cidade, teñen dereito a vivir tranquilos. Ourense non pode converterse nunha cidade onde a inseguridade sexa parte do día a día. Imos seguir escoitando, denunciando e esixindo solucións reais”, concluíu a presidenta da Xestora Local.

Política de cookies

En cumprimento co deber de información recollido no artigo 22. 2 da Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico, a presente política de cookies ten como finalidade informar de maneira clara e precisa acerca das cookies utilizadas na web do PARTIDO POPULAR DE OURENSE (https://www.ppou.es), e de como poden xestionarse. LER MÁIS

 

Cookies estrictamente necesarias

Estas cookies son necesarias para el funcionamiento básico del sitio web y no pueden desactivarse en nuestros sistemas. Puedes configurar tu navegador para bloquearlas, pero algunas partes del sitio podrían no funcionar correctamente. Más información en política de cookies.