
Os deputados nacionais do PP por Ourense rexistran unha batería de preguntas no Congreso ante a onda de subtraccións nas explotacións agrogandeiras da comarca
A iniciativa parlamentaria reclama de forma urxente o incremento de efectivos e a reapertura do cuartel da Garda Civil de Trasmiras
1, xullo, 2026
O Partido Popular de Ourense esixe unha resposta inmediata ao Goberno central ante a grave situación de inseguridade que viven os agricultores da comarca da Limia. Os deputados populares no Congreso, Ana Vázquez, Rosa Quintana e Celso Delgado, presentaron unha iniciativa parlamentaria motivada polo goteo constante de subtraccións de material rexistrados nesta zona da provincia.
A iniciativa popular se Segundo explica Ana Vázquez, os produtores da comarca levan meses sufrindo incidentes de forma reiterada, enfrontándose a unha alarmante onda de roubos que non só afecta á actividade diaria das explotacións, senón que compromete de xeito directo os investimentos dos agricultores da Limia.
O texto rexistrado na Cámara Baixa detalla que as subtraccións denunciadas polos afectados inclúen perdas materiais moi diversas e esenciais para o traballo do campo, como roubos de elementos de construción destinados especificamente ao sistema de rega, pezas de cableado e chaves de paso, reservas de combustible das leiras, e mesmo materiais menores pero indispensables para as tarefas de cultivo.
Ante esta situación de inseguridade por parte do sector agrogandeiro, o Partido Popular formulou unha serie de preguntas directas ao Executivo central para coñecer que accións pensa implantar para frear esta escalada delituosa.
Ana Vázquez subliña que “é urxente saber se o Goberno ten previsto incrementar a vixilancia de xeito especial para esta zona da Limia con máis efectivos”, á vez que pregunta en que Relación de Postos de Traballo (RPT) do catálogo “prevese dotar esas novas prazas para loitar contra os roubos no campo ourensán”.
A iniciativa dos representantes ourensáns do PP no Congreso tamén se estende ao cuartel da Garda Civil de Trasmiras, esixindo ao Goberno que reconsidere a apertura destas instalacións, situadas estratexicamente no corazón da Limia e pechadas recentemente por orde do propio Executivo , unha decisión que os populares instan a reverter de inmediato dada a actual vulnerabilidade dos agricultores.
Finalmente, co obxectivo de avaliar o alcance real da falta de seguridade na zona, a iniciativa parlamentaria esixe ao Ministerio do Interior que concrete o número exacto de atestados e denuncias por roubo ou furto que se contabilizaron oficialmente na comarca da Limia desde o ano 2024.