
Esta medida esténdese ata o 2041, reducindo a capacidade de investimento e comprometendo a viabilidade económica do municipio
30, xuño, 2026
En menos dun mes xa son dúas as sesións plenarias en Verín para abordar aspectos económicos. Se na última delas, a entidade local aprobou unha operación de crédito de 2 millóns de euros que incrementará a débeda financeira en 7,84 millóns, hoxe abordouse o Plan de Axuste municipal para o período 2026-2041.
Este plan ao que tivo que adherirse obrigatoriamente o Concello de Verín para saldar as súas débedas con provedores, “debido á nefasta xestión pública e económica realizada polo bipartito PSOE e BNG, e que xa foi advertida polo grupo do Partido Popular nos últimos meses”, contempla cuestións como o incremento de taxas municipais.
Entre elas atópanse a de recollida de residuos e a de depuración de auga, que xa entraron en vigor neste 2026, ou do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana (plusvalía municipal), que se aplicará a partir do 2028. É dicir, “unha vez máis, serán os veciños e veciñas de Verín os que terán que facerse cargo do caos económico ocasionado polo ‘desgoberno municipal’”, sinalan desde o grupo municipal do PP de Verín.
Por outra banda, este Plan de Axuste tamén leva consigo o axuste da actividade inversora nos exercicios 2026, 2027 e 2028, en 500.000, 300.000 e 200.000 euros respectivamente, “o que reduce a capacidade de investimento a curto e medio prazo e condiciona as contas municipais”, engaden.
Con todo, o plan non contempla nin a redución do 5% en gastos de persoal e en gastos en bens correntes e servizos, establecida no artigo 45 do Real Decreto-lei 17/2014, de 26 de decembro, de medidas de sustentabilidade financeira das comunidades autónomas e entidades locais e outras de carácter económico.