
Sinala a existencia de reparos de legalidade desfavorables da Intervención, ante propostas de recoñecemento extraxudicial de crédito do Goberno local
22, xaneiro, 2026
Ausencia de requisitos legais para recoñecer obrigas orzamentarias, omisión de trámites esenciais, insuficiencia de crédito e unha vulneración do principio da anualidade orzamentaria. Todo isto se recolle nos últimos informes de reparo de legalidade formulados pola Intervención do Concello de Verín, ante as propostas de recoñecemento extraxudicial de crédito do goberno PSOE e BNG de Verín, presentadas nas dúas últimas sesións plenarias extraordinarias urxentes, celebradas o pasado luns e hoxe xoves.
“O luns estivemos aquí falando exactamente do mesmo, o que se trae non é un trámite nin un asunto técnico menor, senón un reparo desfavorable de Intervención, de alcance xeral, que afecta a 287.788,72 euros”, sinalou a concelleira Sonia Arias. Esta cantidade que, xunto cos 358.000 euros aprobados o pasado luns, superan os 645.000 euros de facturas impagadas nos exercicios 2024 e 2025, e que agora se queren cargar ao orzamento de 2026. A concelleira popular recordou durante a sesión plenaria de hoxe que “non se está ante un erro puntual, senón ante unha forma de gobernar reiterada da que alerta o propio órgano de control interno do Concello de Verín, que a cualifica como sistémica e usual”.
“Cando Intervención fala de irregularidades sistémicas, está dicindo que aquí se gobernou fóra da lei”, engade Sonia Arias. É dicir que todos estes gastos tiñan que terse licitado e non se fixo, e agora preténdese arranxar isto cun novo recoñecemento extraxudicial de créditos, o segundo da semana, cando esta figura é excepcional e aquí se está a usar como mecanismo ordinario, comprometendo o orzamento do ano 2026.
Trátase de gastos dos exercicios 2024 e 2025 non recoñecidos no seu momento, contraídos sen crédito suficiente nin consignación orzamentaria previa e, o que é máis grave, correspondentes a servizos recorrentes, periódicos e perfectamente previsibles. Uns gastos prestados durante anos polas mesmas empresas sen licitación, incumprindo a Lei de Contratos do Sector Público. “Gobernar non é pagar facturas fóra de prazo. Gobernar é cumprir a lei, planificar o gasto e protexer o diñeiro público, e o grupo municipal PSOE e BNG demostran coa súa xestión que fan todo o contrario”, sinalan desde o Partido Popular de Verín.
Providencias de Alcaldía
Con todo, recórdase a existencia dun feito máis grave, as diferentes Providencias de Alcaldía, nas que se ordena iniciar a tramitación do expediente para proceder ao pagamento das facturas, antes incluso de corrixir as irregularidades sinaladas pola Intervención. “Isto non é pagar facturas. Isto é tapar anos de mala xestión con cartos do orzamento actual. É pagar hoxe o que o alcalde non soubo ou non quixo facer ben. É pagar sen depurar responsabilidades, sen corrixir a orixe do problema e sen ningunha garantía de que isto non se vaia repetir. Pagar por urxencia ou por presión non é xestionar”, lamentan os populares.
Desde o grupo do Partido Popular advírtese que nos atopamos ante un modelo de xestión baseado na improvisación, que primeiro xera o gasto e logo busca a forma de regularizalo, que vive permanentemente a crédito, e que a pesar de xestionar o diñeiro de todos, ten cero responsabilidade. “Parece que o Concello é unha tarxeta de crédito sen límite”, engade Arias.
O Entroido
Dous exemplos desta incompetencia municipal son o Entroido, a festa máis importante de Verín, con actuacións que se pagan un ano despois, xusto antes do seguinte Entroido. E o segundo trátase dunha factura levada a Pleno o pasado luns, de 218.000 euros e correspondente ao convenio do rescate do servizo da auga. Un rescate, que como sinalou en dita sesión plenaria a portavoz municipal do PP, Lara Da Silva, “xa lle custou ao Concello 875.000 euros”. “O bipartito –remarcou- vendeu este rescate como unha solución máxica, que os veciños ían ter auga gratis e o servizo ía a ser moito mellor, pero a realidade é ben distinta, case un cuarto de millón de euros nunha soa factura, dentro dun expediente cheo de irregularidades, e cun servizo peor que antes”.
O Partido Popular de Verín está favor de que todos os provedores cobren, pero “o modo que se está a empregar sáltase todos os controis de gasto, non corrixe erros de xestión”, din. Trátase de dun procedemento “viciado que se repite unha e outra vez, que prexudica directamente aos propios provedores, que son os que sofren o descontrol e caos ao que está sometido o Concello”, conclúen.