
A portavoz, Ana Méndez anunciou que “o Partido Popular vai combater estes orzamentos por todas as vías legais e políticas ao seu alcance despois de que o PSOE lle puxera en bandexa a aprobación inicial”
Preguntouse tamén “que gañou Ourense a cambio de que os socialistas se convertesen no salvavidas político de Jácome”
Sobre a moción de censura Ana Méndez destacou que “o PP é a forza maioritaria da oposición e a principal forza política da provincia e de Galicia, polo que calquera alternativa seria ao actual desgoberno ten que pasar necesariamente porque se respecte ese liderado”
25, maio, 2026
A portavoz do Grupo Municipal Popular no Concello de Ourense, Ana Méndez, compareceu hoxe en rolda de prensa, acompañada polos edís, Inma Moreiras, Jorge Pumar, Pepe Araújo e Javier Rodríguez-Nóvoa, para valorar a situación política aberta tras os dous plenos extraordinarios do pasado venres e a cuestión de confianza vinculada aos orzamentos presentada polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.
A voceira asegurou que “o ocorrido o pasado venres foi gravísimo” e acusou ao PSOE de permitir deliberadamente o debate duns orzamentos “que nunca deberían terse debatido”. “Estamos falando dun documento que non cumpre coa legalidade, ao que lle faltan informes preceptivos fundamentais e que foi presentado de maneira unilateral, sen diálogo coa oposición e sen aceptar nin unha soa emenda do Partido Popular nin do resto dos grupos”, denunciou a popular.
Ana Méndez insistiu en que, ademais, se trata dunhas contas “profundamente malas para a cidade”, xa que “non responden ás necesidades reais dos ourensáns, senón única e exclusivamente ao interese electoral de Democracia Ourensana e á estratexia persoal de Jácome para manterse no poder”.
Neste senso, anunciou que o Partido Popular “vai combater estes orzamentos por todas as vías legais e políticas ao seu alcance despois de que o PSOE lle puxera en bandexa a aprobación inicial”.
A portavoz preguntouse tamén “que gañou Ourense a cambio de que os socialistas se convertesen no salvavidas político de Jácome”. Nesta liña lembrou que “o ano pasado, cando o Partido Popular negociou os orzamentos, conseguiuse o pago a provedores, investimentos necesarios para a cidade e un aumento das axudas destinadas a entidades sociais e asociacións veciñais. Pero desta vez non hai absolutamente nada”.
“O PSOE decidiu entregarlle un cheque en branco a Gonzalo Pérez Jácome sen esixir nin unha soa mellora para a cidade”, engadiu a popular.
Sobre a posible moción de censura, Ana Méndez deixou clara a postura do Partido Popular. “Non imos iniciar nin participar en ningunha negociación que non pase, en primeiro lugar, polo recoñecemento dunha realidade política evidente: o PP debe ostentar a alcaldía de Ourense”, advertiu.
A voceira destacou que o PP “é a forza maioritaria da oposición, a principal forza política da provincia e de Galicia” e subliñou que “calquera alternativa seria ao actual desgoberno ten que pasar necesariamente porque se respecte ese liderado”.
Con todo, a portavoz indicou que “se o resto de partidos asumen esa premisa e poñen os intereses da cidade por riba dos seus cálculos partidistas, por suposto estaremos dispostos a sentarnos, dialogar e traballar para devolverlle estabilidade, seriedade e futuro a Ourense”.
Por último, Ana Méndez reafirmou o compromiso do PP coa cidade. “Seguiremos actuando con responsabilidade, con seriedade e pensando unicamente nos intereses dos ourensáns para ofrecerlle a Ourense o cambio, a estabilidade e o proxecto de futuro que merece”, concluíu.