
O Goberno municipal levará unha partida para construír unha escola infantil tras perder dúas subvencións que facilitarían facela realidade
Lara Da Silva sinala estas partidas como “propagandísticas” e pide ao Concello compromiso para impulsar proxectos e mellorar servizos
Tamén critica a partida destinada as dedicacións exclusivas e parciais dos concelleiros e a falta de xestión na remunicipalización de servizos
26, novembro, 2025
Irreais, improvisados e sen planificación. Así son os orzamentos presentados polo bipartito PSOE-BNG de Verín para a anualidade 2026. Uns orzamentos baleiros, elaborados máis para a propaganda que para a xestión pública, o que amosa a falta de compromiso coa veciñanza do municipio.
“O problema non son os números, senón a incapacidade e falta absoluta de planificación, consolidando uns orzamentos propagandísticos”, sinalou a portavoz municipal do Partido Popular de Verín, Lara Da Silva. Un exemplo claro de improvisación é a construción da escola infantil de Verín. Son dúas xa as ocasións que o grupo de goberno deixou perder subvencións para a súa posta en marcha e “agora anuncian que a van facer con recursos propios, cando tiveron a oportunidade de contar coa colaboración doutras administracións para esta construción, tal e como fixeron outros concellos, e aquí non o aproveitaron”, engadiu.
Unha cuestión que evidencia ausencia de compromiso e, sobre todo, que gobernan de modo improvisado, “se o bipartito fose serio e responsable a escola infantil xa estaría en funcionamento, con fondos que si existían e estaban dispoñibles”, remarcou Lara Da Silva.
Pero non só é improvisación, senón que tamén é moralmente cuestionable que máis do 42% do orzamento se destine á partida de persoal. Isto significa que case a metade do mesmo dedícase a manter a estrutura interna, “na que se atopan as dedicacións exclusivas e parciais do grupo de goberno”, incidiu a portavoz municipal, deixando claro que o Partido Popular non se opón a que o Concello ofreza traballo á veciñanza nos servizos municipais, senón que as partidas de dedicación dos integrantes do Goberno municipal sexan “tan elevadas e desproporcionadas”.
Polo tanto, con estas cifras está claro que non hai marxe para mellorar os servizos municipais, efectuar investimentos nos diferentes núcleos poboacionais ou poñer en marcha proxectos que Verín leva, anos e anos, agardando. “A maioría das inversións contempladas foron anunciadas en anteriores anualidades e nunca se executaron, xa que temos un goberno instalado na propaganda e non na xestión real, sen prioridades, que perde o financiado e logo vende fume, sen explicar nin como nin cando”.
A remunicipalización de servizos sae cara
O orzamento para o 2026 amosa que estamos ante un Concello “desordenado, sobredimensionado e sen optimizar”. Un Concello que prometeu aforro coa remuncipalización dos servizos básicos e que “agora non so incrementaron o seu gasto, como o lixo, senón que empeoraron a súa calidade”, destacaron os concelleiros do Partido Popular. Unha proba máis de promesas incumpridas, xa que temos un servizo peor e máis caro, o que amosa falta de planificación, control e capacidade de xestión.
Todo isto, sen esquecer que os servizos básicos están resentidos e que, cada día, se incrementa o número de provedores que agardan por cobrar o diñeiro que lles debe o Concello de Verín. “Son recorrentes as queixas de provedores que esperan durante anos a que o bipartito abone os seus servizos”, dixeron os populares.
Ante esta situación de improvisación e irrealidade, o Partido Popular de Verín votou en contra duns orzamentos que non están pensados para os nosos veciños nin tampouco para a mellora da súa calidade de vida.
Outros puntos do pleno
Nesta sesión plenaria, o Partido Popular tamén presentou unha moción sobre o apoio institucional para a non comarcalización dos xulgados de violencia de xénero, ademais de apoiar unha moción na que se lle solicite ao Colexio Notarial que cubran a praza de notario que nos próximos tempos quedará vacante, entre outros asuntos.
Ademais, os nosos concelleiros abstivéronse as dúas operacións de crédito que se levaron na orde do día, así como ao convenio para adquirir os terreos da Parroquia de Verín.