
Aínda que a portavoz do Partido Popular de Verín, Lara Da Silva, xa o trasladou durante a súa intervención no pasado pleno, só fixeron falta unhas poucas horas para que o anuncio da aprobación dunha operación de crédito por parte do bipartito revelara que só se buscaba confundir e enganar á cidadanía cuns importes e proxectos que non se axustaban á realidade.
O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, indicou que se destinarían un total de 1,2 millóns de euros a actuacións de pavimentación e asfaltado en Verín e 822.000 a actuacións de mellora en 11 núcleos rurais do municipio. Pero segundo recolle o informe de Intervención Municipal, o desglose de partidas non se corresponde con ese anuncio publicado, non só mediante nota de prensa senón tamén en redes sociais.
10, xuño, 2026
“Todo isto busca levar error aos cidadáns, unha propaganda máis que deixa en evidencia que os orzamentos elaborados polo Goberno municipal do PSOE e BNG son papel mollado”, sinalou Lara Da Silva xunto aos concelleiros do PP de Verín Aitor Álvarez, Sonia Arias e Beatriz Blanco durante a rolda de prensa celebrada hoxe na sede do partido.
Dos 2 M€ solicitados nesta operación de crédito, só se destinarán 300.000 euros para obras de pavimentación en núcleos rurais, non os 822.000 anunciados polo alcalde para 11 núcleos rurais. “Polo tanto, son medio millón de euros menos, e o que é máis significativo, que non se van a realizar obras en todos os núcleos rurais que conforman Verín, senón só en once, é dicir, que para o bipartito non son todos os veciños iguais, senón que os hai de primeira e de segunda”, sinala Lara Da Silva, quen se pregunta “quen toma esa decisión de excluír a unhas localidades e incluír outras”.
A todo isto hai que sumarlle a adquisición de material de construción de obras municipais (100.000 €), material para parques e xardíns (100.000 €), exterior das piscinas municipais (50.000 €), pavimentación da rúa Marbana (50.000 €) e beirarrúas e pasos de peóns (100.000 €). “O que supón 400.000 euros, non os 1,2 M€ prometidos polo alcalde para melloras no termo municipal de Verín, o que constitúe un exemplo máis de nula transparencia, mentiras, e nefasta xestión pública”, engaden os populares.
A auga, un servizo que se encareceu nos últimos anos
Consumidos 700.000 euros da operación de crédito de 2 millóns, o resto destínase a adquisición de terreos varios e expropiacións de terreos en Fontenova (350.000 euros), rehabilitación da lonxa agropecuaria (250.000 €) ademais do abono da cota de indemnización establecida para a remunicipalización do servizo de auga (200.000 euros). “Un servizo que se encareceu nos últimos anos, prestado de maneira deficiente, con numerosas queixas dos cidadáns e que xa costou 875.000 euros ao Concello de Verín, é dicir, a todos os nosos veciños”.
E por último, despois rexeitar o bipartito PSOE e BNG unha subvención de 700.000 euros para a construción da escola infantil contemplan unha partida de medio millón de euros financiada con este crédito. “Deixaron perder unha axuda concedida para este proxecto e agora anuncian unha partida financiada con préstamo, mentiron á cidadanía, cambiaron varias veces a situación sen criterio, e pasaron de ter unha oportunidade de financiamento externo a cargar a factura sobre os veciños, sen saber o custe definitivo da mesma e cando estará finalizada”, conclúen os concelleiros do PP de Verín.
Un “plan de pago” para pagar a provedores
Os concelleiros populares tamén fixeron referencia na rolda de prensa a última nova do Concello de Verín na que anunciaban un “plan de pago” para sanear as obrigas con provedores, “pero a realidade é que o plan de pago é que o Goberno central obriga ao Concello a pagar aos máis de 250 suministradores que aínda teñen pendente cobrar”.
O bipartito leva anos afogando aos provedores “con impagos e ignorando reiteradamente as débedas acumuladas”, inciden desde o PP local, “que se hoxe se pagan non é por vontade política nin por unha xestión eficiente, senón porque Facenda os obriga”. “Nós defendemos o que de verdade é importante, que a xente cobre, o problema está en que o fagan tarde, mal e a cunha xestión nefasta do Goberno do PSOE e BNG, que teñen que acudir, unha vez máis, a unha operación financeira avalada polo Ministerio de Economía para poder saldar as súas débedas”, conclúen.