O PPdeG esixe ao Goberno central que deixe de bloquear a xestión do lobo e remita a Bruxelas o informe aprobado polas comunidades autónomas

As representantes ourensás nas Cortes Xerais, a deputada Rosa Quintana e a senadora Carmen Leyte, denuncian que os gandeiros seguen soportando as consecuencias dos ataques, mentres o Ministerio de Transición Ecolóxica atrasa unha decisión apoiada por datos técnicos

Os populares reclaman unha xestión baseada en criterios científicos, que permita compatibilizar a conservación do lobo coa supervivencia da gandería extensiva

19, agosto, 2026

O PPdeG reclama ao Goberno central que deixe de dilatar a remisión á Comisión Europea do informe sexenal sobre o estado de conservación do lobo, e que permita ás comunidades autónomas desenvolver unha xestión da especie baseada en criterios científicos e adaptada á realidade de cada territorio.

Así o expresaron hoxe a deputada no Congreso Rosa Quintana e a senadora Carmen Leyte, durante a visita que realizaron a unha explotación gandeira situada na localidade de Recarei (Bande), na que a propietaria Isaura de la Torre sufriu onte mesmo a perda de animais polo ataque do lobo. Na visita á explotación da Baixa Limia, as populares coñeceron directamente unha situación que, segundo advirten, “non pode abordarse desde os despachos ignorando o que está a suceder no territorio”. Tamén participou na visita a alcaldesa de Bande e secretaria xeral do PP da provincia de Ourense, Sandra Quintas.

O Partido Popular leva moito tempo defendendo unha posición moi clara, apuntaron as representantes nas Cortes Xerais: “Queremos conservar o lobo, pero tamén queremos conservar aos nosos gandeiros. Ambas as cousas son compatibles se as decisións se adoptan con datos científicos e non desde formulacións ideolóxicas”.

As comunidades autónomas realizaron durante os últimos anos un importante traballo técnico e científico para coñecer a evolución das poboacións de lobo e a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente aprobou o pasado 22 de xuño o informe sexenal, que considera favorable o estado de conservación da especie nas rexións bioxeográficas Atlántica e Mediterránea.

“Xa non estamos ante unha discusión sobre se existe ou non documentación técnica. O informe existe, foi debatido e foi aprobado. O que corresponde agora é que o Goberno cumpra e o remita á Comisión Europea”, afirman as populares galegas. Neste sentido, consideran “especialmente preocupante” que a demora do Goberno de Sánchez se produza mentres as explotacións gandeiras continúan sufrindo ataques e mentres as propias administracións autonómicas constatan a evolución positiva das poboacións.

Como exemplo de xestión citaron o caso de Asturias, “especialmente significativo” en tanto o goberno do Principado modificou recentemente o seu Plan de Xestión do Lobo para recuperar os controis poboacionais con certeza xurídica, constatando un incremento do 11% da poboación, con 50 mandas en 2025, das que 46 son reprodutoras. “Estamos a ver como mesmo gobernos autonómicos socialistas recoñecen que é necesario xestionar a poboación, pero o Goberno central continúa poñendo obstáculos para dar resposta os problemas reais da gandería”.

Lembraron así mesmo que o atraso do Goberno español na presentación do informe sexenal provocou que a Comisión Europea iniciase un procedemento de infracción contra España por incumprir as súas obrigacións de información.

A cuestión non debe exporse como unha elección entre lobos e gandeiros: “O obxectivo debe ser garantir un estado de conservación favorable do lobo e, ao mesmo tempo, facer viable a gandería extensiva. Precisamente para iso existe a xestión de fauna silvestre”, insisten Quintana e Leyte.

Apoio do Goberno galego aos gandeiros

Neste sentido, o PPdeG salienta tamén o compromiso da Xunta co sector agrogandeiro, que se traduce en medidas concretas para paliar e previr os danos provocados polo lobo. En concreto, o Goberno galego leva mobilizado na última década  13,8 millóns de euros a través de diferentes ordes de axudas tanto para paliar os danos causados polos ataques desta especie como para a compra de cans protectores, a adquisición de pastores eléctricos e cerrumes móbiles electrificados, a instalación de valados fixos e a contratación de persoas coidadoras do gando.

Só no 2025, o importe das achegas concedidas neste eido superou os 850.000 euros. Un esforzo económico que evidencia, na práctica, o compromiso da Xunta por facer compatible a conservación do lobo coa viabilidade da actividade gandeira.

Política de cookies

En cumprimento co deber de información recollido no artigo 22. 2 da Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico, a presente política de cookies ten como finalidade informar de maneira clara e precisa acerca das cookies utilizadas na web do PARTIDO POPULAR DE OURENSE (https://www.ppou.es), e de como poden xestionarse. LER MÁIS

 

Cookies estrictamente necesarias

Estas cookies son necesarias para el funcionamiento básico del sitio web y no pueden desactivarse en nuestros sistemas. Puedes configurar tu navegador para bloquearlas, pero algunas partes del sitio podrían no funcionar correctamente. Más información en política de cookies.