

O Partido Popular de Ourense celebrou no claustro de San Francisco da capital a súa segunda Interparlamentaria, á que acudiron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o secretario nacional, Miguel Tellado
Con anterioridade, os representantes da provincia de Ourense nas Cortes Xerais, no Parlamento de Galicia e na Deputación mantiveron un encontro de traballo para coordinar a acción política e analizar desde diversos ámbitos o traballo realizado
28, marzo, 2026
Na clausura da segunda Interparlamentaria do PP de Ourense, baixo o lema “Conectados ao futuro”, o presidente provincial Luis Menor, puxo en valor este tipo de encontros pois “reforzan a acción política dos nosos representantes públicos”, ademais de impulsar a coordinación do traballo nas distintas Cámaras lexislativas e a corporación provincial. Un xeito, dixo, de que “a cidadanía, reside onde resida, coñeza cales son os nosos principios e valores, e ofrecer respostas ás necesidades do territorio e das súas xentes”.
Luis Menor repasou durante a súa intervención as principais conclusións da xornada, entre as que destacou que o PP ourensán ten como prioridade absoluta garantir un Ourense conectado, moderno e con servizos públicos de primeira.
Defendeu ademais un traballo coordinado para acadar un Ourense con emprego estable e unha actividade económica sólida, loitando por infraestruturas e servizos estratéxicos que actúan como motores de crecemento nunha provincia na que “apostamos pola dixitalización, xa que cada adianto dixital é unha oportunidade real para un Ourense máis eficiente, igualitario e preparado para o futuro”.
Non faltaron referencias ao termalismo: “Queremos marcar un antes e un despois na historia do benestar en España”, tratando de conseguir o fito histórico de incluír a balneoterapia no Sistema Nacional de Saúde.
Ademais de subliñar os investimentos millonarios do Goberno galego en sanidade, o presidente provincial do PP destacou que “construímos unha provincia humana onde envellecer con dignidade e seguridade é un dereito”, en referencia á alianza estratéxica entre a Deputación e a Xunta de Galicia, que trae a Ourense o 60% dos fondos galegos para equipamentos sociais, creando máis de 400 novas prazas de residencia para maiores en 16 concellos, blindando o coidado especializado e combatendo a soidade no noso rural.
E xa no ámbito rural foi contundente: “Procuramos un rural vivo e competitivo onde a remuda xeracional e a modernización sexan realidades, non promesas”. Así apuntou á necesidade de blindar os montes cun modelo de prevención integral e xestión activa da biomasa, protexer o patrimonio natural, cunha transición ambiental xusta que non asfixie aos produtores, e un rural que siga sendo seguro, poñendo freo ao desmantelamento de cuarteis da Garda Civil.
Concluíu afirmando que con esta segunda Interparlamentaria “deixamos constancia do compromiso de defensa desta terra e á súas xentes, porque somos a voz que reclama o que nos pertence e a man que executa o que Ourense necesita”