O PP de Verín alerta de que o bipartito ignora as obrigas de presentar a liquidación do exercicio orzamentario de 2025

O Goberno local do PSOE e BNG aproba unha operación de crédito de 2 M€ coa que incrementará a débeda financeira nun 34%, pasando de 5,84 a 7,84 M€

A Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro do Goberno galego advirte que o Concello verinés non pode concertar operacións de endebedamento a longo prazo sen ter aprobada a liquidación do exercicio anterior

2, xuño, 2026

O PP de Verín alerta de que o bipartito está a ignorar as advertencias da Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro do Goberno galego na que se fai referencia ás obrigas das administracións locais a presentar a liquidación do exercicio orzamentario de 2025, algo que o Concello de Verín aínda non realizou. Alertan tamén de que o Goberno bipartito non pode concertar operacións de endebedamento a longo prazo sen ter aprobada a liquidación do exercicio anterior.

“Ante a entrada no Rexistro este luns dun documento da Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro no que recordan ao Goberno local do PSOE e BNG que deben presentar a liquidación do exercicio de 2025, preguntámonos como hoxe se aprobou unha operación de crédito de 2M€ cando a lei marca que non se poden realizar operacións de endebedamento sen cumprir este requisito”, sinala o grupo popular no Concello de Verín. “Unha vez máis o bipartito obvia a lei e carga 2M€ máis de débeda sobre os veciños”, engadiron tras preguntar polo informe xurídico ou de Intervención que avala a tramitación desta operación.

Así o afirmou a portavoz do PP de Verín, Lara Da Silva, quen solicitou que conste en acta o recordatorio remitido pola Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro este luns. “Pedimos transparencia e garantías xurídicas antes de adoptar ningún acordo que poida comprometer o futuro económico do Concello de Verín”, lamentaron. De feito, se o Goberno local supera o 75% da débeda non pode pedir créditos, “pero como non cumpren coas súas obrigas de presentar a liquidación orzamentaria, non sabemos cal é a situación real do Concello de Verín”, destacan os populares.

Falta de crédito para asumir novas cargas financeiras

Se durante varias sesións plenarias -e extraordinarias- se acordaron modificacións de créditos destinadas a pagar débedas a provedores, hoxe a entidade local compromete recursos futuros tras perder máis de 1,5 M€ en axudas públicas. Coa operación de crédito aprobada hoxe, o bipartito incrementará a débeda financeira nun 34%, pasando de 5,84 a 7,84 M€. “Todo isto, sen contar as débedas de pago a provedores e co informe desfavorable da Intervención municipal”, din dende o PP.

Dito informe da Intervención subliña que o orzamento de 2026 non ten crédito suficiente para asumir a carga financeira do préstamo e será necesario unha modificación orzamentaria e a operación contribúe ao incumprimento da estabilidade orzamentaria, entre outros incumprimentos.

Esta operación terá unha duración de 10 anos e a entidade municipal deberá destinar máis de 1,3 millóns de euros anuais á carga financeira da débeda, dos que unha parte importante corresponde ao pago de intereses ás entidades bancarias. “Isto equivale a un total de 108.835 € ao mes e 3.578 € ao día, é dicir, máis débeda de hoxe significa máis carga financeira para os nosos veciños durante a próxima década”, din os populares verineses.

Entre os investimentos financiados coa débeda atópase a Escola Infantil, tras rexeitar o Goberno local do PSOE e BNG unha subvención para a súa construción. “Primeiro deixaron perder unha axuda concedida para a construción da mesma e agora anuncian unha partida de 500.000 euros financiada con préstamo, amosando unha vez máis a mala xestión do goberno municipal, que pasou de ter unha oportunidade de financiamento externo a cargar a factura sobre os veciños, e o que é máis preocupante nin sabemos cando estará rematada nin canto acabará custando realmente”, din. Tamén se inclúe investimento para “pagar unha cota do prazo acordado” da remunicipalización da auga, é dicir, para sufragar o rescate do servizo que ascenderá aos 875.000 euros.   

Desde o grupo do Partido Popular de Verín destacan que é fundamental determinar se era necesario recorrer a 2 M€ de débeda ou se unha mellor planificación económica permitiría executar estas actuacións mediante subvencións, fondos externos ou programación plurianual. Tamén será necesario que expliquen cal van ser as partidas que se reducirán para pagar estes gastos financeiros, o custe total do préstamo, se existe un estudo económico da remunicipalización da auga, e o máis importante, que garantías existen para que non se incremente a débeda nos próximos anos.

Política de cookies

En cumprimento co deber de información recollido no artigo 22. 2 da Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico, a presente política de cookies ten como finalidade informar de maneira clara e precisa acerca das cookies utilizadas na web do PARTIDO POPULAR DE OURENSE (https://www.ppou.es), e de como poden xestionarse. LER MÁIS

 

Cookies estrictamente necesarias

Estas cookies son necesarias para el funcionamiento básico del sitio web y no pueden desactivarse en nuestros sistemas. Puedes configurar tu navegador para bloquearlas, pero algunas partes del sitio podrían no funcionar correctamente. Más información en política de cookies.