
“Non estamos aquí para bloquear, senón para avanzar. Negociamos con responsabilidade, fixemos propostas viables e acadamos acordos que hoxe son unha realidade”, sinala a voceira popular, Ana Méndez
“Vimos de retirar as emendas porque conseguimos que as nosas propostas fosen asumidas: unhas nos propios orzamentos e outras na modificación de crédito que se aprobará no mesmo pleno”, subliña a portavoz
Os acordos acadados son en materia de servizos sociais, asociacións veciñais, medioambiente, infraestruturas, educación e perímetro rural “O noso proxecto é claro: traballar polos veciños, actuar con sentido común e cumprir coa palabra dada. Con este acordo, conseguimos melloras reais para Ourense”, concluíu a popular
11, xullo, 2025
O Grupo Municipal do Partido Popular de Ourense compareceu hoxe en rolda de prensa para explicar o acordo acadado co goberno local en relación aos orzamentos do Concello para 2025. A voceira popular, Ana Méndez, destacou que, grazas a este acordo, se incorporaron propostas do PP tanto nos propios orzamentos como nunha modificación de crédito que se debaterá no mesmo pleno.
“Non estamos aquí para bloquear, senón para avanzar. Negociamos con responsabilidade, fixemos propostas viables e acadamos acordos que hoxe son unha realidade”, afirmou Ana Méndez. A voceira explicou que, como resultado dese acordo, o PP decidiu retirar as súas emendas, ao entender que a súa pegada xa quedaba reflectida nas contas a través das propostas incorporadas. “Conseguimos que as nosas propostas fosen asumidas: unhas nos propios orzamentos e outras na modificación de crédito que se aprobará no mesmo pleno”, subliñou Méndez.
REFORZO DAS POLÍTICAS SOCIAIS
Un dos piares do acordo foi o ámbito social. O PP impulsou o incremento da partida de emerxencia social, que pasa de 320.000 a 800.000 euros. “Advertimos que os 320.000 euros eran absolutamente insuficientes. Grazas á nosa intervención, triplicamos ese importe, demostrando que a política social é unha prioridade real para nós”, sinalou Méndez.
Tamén se incrementa en 353.500 euros a partida para saldar débedas con entidades sociais correspondentes aos anos 2022, 2023 e 2024, e se pactaron convenios nominativos con organizacións como Cáritas, Cruz Vermella, AFAOR, Banco de Alimentos ou a Asociación Española contra o Cancro.
INFRAESTRUTURAS, ZONAS VERDES E MEDIO AMBIENTE
O acordo inclúe un reforzo da partida para reparación de vías públicas, que ascende a 1.266.000 euros, e o dobre de investimento en mantemento de zonas verdes, pasando de 1 a 2 millóns. Ademais, inclúense 580.000 euros en obras medioambientais.
EDUCACIÓN E PARTICIPACIÓN VECIÑAL
O investimento en centros educativos cuadriplicouse ata os 450.000 euros, mentres que as asociacións veciñais contarán con 100.000 euros para mantemento de locais e 65.000 euros en subvencións. As federacións Limiar e Miño recibirán 15.200 euros cada unha mediante convenios incluídos na modificación de crédito.
COMPROMISO CO PERÍMETRO RURAL
A partida para investimentos no rural multiplícase por máis de seis, de 145.000 a 980.000 euros. “Tamén pechamos un compromiso político co goberno local para executar actuacións concretas tanto na cidade como no perímetro rural, entre elas a reforma da Praza Daniel González, melloras no túnel de San Francisco, accesibilidade en varios puntos da cidade, e obras en Cudeiro, Palmés, Oira, Santa Cruz, Untes ou Castro de Beiro”, indica a voceira popular.
“Sabemos que Ourense precisa actuacións urxentes tamén no rural. Conseguimos que se contemplen obras moi demandadas polos veciños e que levaban anos esperando”, engade Ana Méndez.
“UNHA OPOSICIÓN ÚTIL E RESPONSABLE”
A portavoz deixou claro que, aínda que estes non son os orzamentos que presentaría o PP se gobernase, o grupo optou por exercer unha oposición útil e responsable. “O noso proxecto é claro: traballar polos veciños, actuar con sentido común e cumprir coa palabra dada. Con este acordo, conseguimos melloras reais para Ourense”, concluíu.