O PP de Ourense esixe a inmediata dimisión do alcalde socialista de Verín polo seu “continuo desprezo á legalidade”

Trala sentencia da Audiencia provincial de Ourense, que condena a Gerardo Seoane a dous anos de cárcere e inhabilitación especial para sufraxio pasivo por un delito contra a ordenación do territorio

A dirección popular denuncia unha rexeitable forma de facer política local que se traduce nos máis de 600 reparos de legalidade formulados pola secretaria e o interventor municipais

Trátase, engade o PP, de depurar responsabilidades no ámbito da xustiza e, desde a perspectiva política, poñer fin á caótica situación na que se atopa o Concello de Verín polo proceder do alcalde

Os populares instan ao PSOE e aos socios de goberno do BNG a dar unha contundente resposta forzando a dimisión de Seoane

24, setembro, 2025

O Partido Popular de Ourense esixe a inmediata dimisión do alcalde socialista de Verín, Gerardo Seoane, logo de facerse pública unha sentenza da Audiencia provincial de Ourense que o condena por un delito contra a ordenación do territorio, impoñéndolle unha pena de prisión de dous anos e inhabilitación especial para o exercicio do sufraxio pasivo durante o tempo da condena.

A dirección do PP ourensán mantén que o socialista Gerardo Seoane non pode seguir nin un minuto máis na presidencia da corporación municipal de Verín, onde demostrou desde a súa chegada á alcaldía un “continuo desprezo á legalidade”. Unha rexeitable forma de facer política local, destacan os populares, que se traduce nos máis de 600 reparos de legalidade formulados pola secretaria e o interventor, sen que na práctica totalidade dos casos foran atendidos polo rexedor. Ademais, o alcalde tamén ten abertos na actualidade outros procedementos xudiciais.

O alcalde do PSOE debe abandonar o Concello de Verín, mesmo renunciando á súa acta de concelleiro, incide a dirección do PP, pola comisión dun grave delito ligado directamente ao exercicio das súas funcións. É dicir, unha decisión de carácter público que tamén implica unha responsabilidade política.

Xulgar a autorización dunhas obras no entorno dunha igrexa catalogada por Patrimonio, sen proxecto técnico nin a correspondente autorización da Xunta de Galicia, non é “ir contra o alcalde, nin contra a súa persoa nin con fin partidistas”, como di o propio rexedor. Trátase, engade o PP, de depurar responsabilidades legais no ámbito da xustiza e, desde a perspectiva política, poñer fin á caótica situación na que se atopa o Concello de Verín polo proceder do alcalde.

O PP tamén esixe unha contundente resposta por parte do PSOE, emprazando á ás direccións socialistas en Ourense e Galicia a forzar a dimisión do ata agora alcalde de Verín. Neste sentido lembran que mesmo a portavoz do PSOE no Parlamento de Galicia, Lara Méndez, declarou que tomarían medidas se a xustiza concluía a existencia de irregularidades no proceder de Gerardo Seoane.

Do mesmo xeito, os populares tamén esixen un rotundo posicionamento do BNG como socios de goberno de Gerardo Seaone en Verín, advertindo que o silencio “non é unha resposta aceptable ante o fallo da xustiza”.

Política de cookies

En cumprimento co deber de información recollido no artigo 22. 2 da Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico, a presente política de cookies ten como finalidade informar de maneira clara e precisa acerca das cookies utilizadas na web do PARTIDO POPULAR DE OURENSE (https://www.ppou.es), e de como poden xestionarse. LER MÁIS

 

Cookies estrictamente necesarias

Estas cookies son necesarias para el funcionamiento básico del sitio web y no pueden desactivarse en nuestros sistemas. Puedes configurar tu navegador para bloquearlas, pero algunas partes del sitio podrían no funcionar correctamente. Más información en política de cookies.