Alfonso Rueda destaca a velocidade das axudas do Goberno galego para os afectados polos incendios en Ourense: “Xa empezan a estar resoltas e pagadas”

O presidente dos populares galegos subliña que, das 83 solicitudes recibidas no caso das axudas destinadas á reconstrución ou compra de vivendas, 9 delas xa están abonadas

Recorda que se creará unha nova base en Verín para acoller medios aéreos de extinción e reclama ao Goberno central a creación dunha base permanente da UME en Toén

Aos incendiarios recórdalles que Galicia non está disposta a tolerar nin un só paso atrás e que por iso se actuará contra eles con toda a firmeza da lei co fin de que cada responsable responda ante os tribunais.

Luis Menor reivindica que o Partido Popular “actúa, compromete, promete, realiza e sabe responder” porque “é o partido máis implantado no territorio e o que mellor coñece ás súas xentes e necesidades”

16, setembro, 2025

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, puxo en valor a velocidade, a cobertura e a flexibilidade das axudas postas en marcha polo Goberno galego para os afectados polos incendios deste verán en Ourense anunciando que, no caso das axudas para vivenda, das 83 solicitudes, 9 xa están resoltas e pagadas.

Esta tarde, na Xunta Directiva Provincial do PP de Ourense e acompañado polo presidente do partido na provincia, Luis Menor, o líder dos populares galegos tivo a oportunidade de afondar neste paquete de medidas extraordinarias xunto ás responsables dos departamentos autonómicos implicados: María José Gómez (Medio Rural), María Martínez Allegue (Vivenda e Planificación de Infraestruturas) e Ángeles Vázquez (Medio Ambiente e Cambio Climático).

Rueda recordou que esta axudas, dispoñibles desde o 1 de setembro, non teñen límite de importe global e abranguen desde axudas persoais por falecemento ou incapacidade ata axudas para a reconstrución ou compra de vivendas, así como a cobertura do 100% dos custos ocasionados polos lumes no caso de explotacións agro-gandeiras e forestais, empresas e comercios. Tamén os concellos contan con apoio para a reparación de infraestruturas e servizos afectados e a asunción dos gastos derivados das evacuacións e da restauración ambiental.

A maiores, tal e como anunciou a pasada semana na súa comparecencia no Parlamento galego, o presidente destacou a adopción de novas medidas como o reforzo do dispositivo de extinción aéreo con novas unidades e bases (como a prevista en Verín), a mellora da prevención no entorno de vivendas e infraestruturas coa asunción da competencia para limpar faixas secundarias en concellos de menos de 10.000 habitantes, ou o avance na reforma legal para que as administracións poidan intervir directamente en fincas de propietarios incumpridores.

Tamén quixo reiterar a súa reclamación, compartida polo partido en Ourense, de que o Goberno central poña en marcha unha base permanente da Unidade Militar de Emerxencias (UME) en Galicia e máis concretamente nas instalacións do Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén.

O obxectivo de todo isto, concluíu, é aprender do vivido e estar mellor preparados para o futuro. De aí que comprometera o seu traballo e o de todo o seu equipo para actualizar a estratexia de prevención de incendios e mellorar a resposta sendo conscientes de que “o que queda por diante é tan importante como o que pasou”.

Neste sentido lanzou unha mensaxe dirixida aos incendiarios que estiveron detrás de moitos dos lumes, remarcando que Galicia non está disposta a tolerar nin un só paso atrás e que por iso se actuará contra eles con toda a firmeza da lei co fin de que cada responsable responda ante os tribunais.

En clave política tamén quixo trasladar aos seus a súa intención de seguir gobernando con feitos, sen desviarse do camiño marcado e sen perder tempo en polémicas estériles nin en aqueles cuxa estratexia de oposición non consiste en propoñer, senón en bloquear e buscar a confrontación constante.

Luis Menor: “Os gobernos do PP actúan e con axilidade”

Pola súa banda, Luis Menor puxo en valor a visita do presidente do PPdeG por tratarse da primeira Xunta Directiva provincial na que participa despois deste verán, “expresando así unha vez máis o seu total apoio a unha provincia devastada polos lumes”. Neste sentido, subliñou que “o Goberno galego non só fala, senón que actúa e, ademais, coa máxima axilidade”.

Tamén a Deputación de Ourense “actuou desde o minuto un”, defendeu o presidente do PPdeOU recordando que se integrou no CECOP e facilitou todos os medios materiais e humanos dispoñibles, asumiu pola vía de urxencia e nunha tramitación exprés a extinción do lume do vertedoiro municipal da Rúa (traballos concluídos hai 8 días) e constituíu unha mesa con grupos políticos e axentes económicos e sociais implicados nos labores de recuperación,

Todo isto, dixo Luis Menor, demostra que o Partido Popular “actúa, compromete, promete, realiza e sabe responder” porque “é o partido máis implantado no territorio e o que mellor coñece ás súas xentes e necesidades”.

Un partido que, no caso da provincia de Ourense “cada vez máis está máis forte, máis cohesionado, máis unido e mesmo renovado para facer fronte aos retos electorais que xa asoman no horizonte”.

Lembrou así a celebración de 17 congresos locais e a próxima convocatoria doutros cinco, a aprobación de oito xestoras ou a renovación das alcaldías de Esgos e Xunqueira de Espadanedo, “con relevos coa máis absoluta normalidade, sen estridencias e con total unidade”. Neste capítulo tivo palabras de agradecemento para Andrés Montesinos, que deixou a alcaldía de Viana do Bolo tras unha moción de censura presentada por PSOE e BNG.

Política de cookies

En cumprimento co deber de información recollido no artigo 22. 2 da Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico, a presente política de cookies ten como finalidade informar de maneira clara e precisa acerca das cookies utilizadas na web do PARTIDO POPULAR DE OURENSE (https://www.ppou.es), e de como poden xestionarse. LER MÁIS

 

Cookies estrictamente necesarias

Estas cookies son necesarias para el funcionamiento básico del sitio web y no pueden desactivarse en nuestros sistemas. Puedes configurar tu navegador para bloquearlas, pero algunas partes del sitio podrían no funcionar correctamente. Más información en política de cookies.