30, xaneiro, 2025

O Grupo Municipal Popular amosa o seu total apoio á veciñanza da rúa San Francisco, que hoxe deu unha rolda de prensa para denunciar os problemas de accesibilidade e seguridade derivados das obras de mobilidade vertical na rúa Pérez Serante.
O apoio do grupo popular prodúcese tras constatar que as persoas afectadas, recolleron máis de 300 firmas para denunciar que o proxecto actual non ten en conta as necesidades de accesibilidade universal porque a instalación de escaleiras mecánicas non é adecuada para aquelas persoas con mobilidade reducida, nin para as que utilizan carriños de bebé ou carriños de compra.
“Desde o Partido Popular queremos destacar que as obras de mobilidade deben ser inclusivas, pensadas para todas as persoas, sen excepción. As administracións públicas deben garantir o acceso universal aos espazos urbanos, respectando os dereitos de toda a veciñanza, especialmente da máis vulnerable”, asegura a portavoz dos populares Ana Méndez.
Neste senso, o Partido Popular solicita ao Concello de Ourense a que busque alternativas tendo en conta as propostas e preocupacións das veciñas e veciños da rúa San Francisco. “O goberno local ten que tomar medidas inmediatas para garantir a seguridade e o benestar de todas as persoas que transitan por esta zona”, conclúe a portavoz Ana Méndez.