
A cabeza de lista afirma que dá este importante paso “para contribuír a mellorar o presente e futuro de Petín”, comprometéndose a achegar unha visión realista e completamente adaptada ás necesidades reais das persoas do seu concello
O presidente provincial, Luis Menor, enxalzou que a candidata dea este paso para contribuír activamente ao progreso do municipio, pero “sobre todo para escoitar, que é de onde xurde a mellor xestión”
2, novembro, 2026
O Partido Popular de Ourense vén de anunciar que Manuela Avelina Calvo Otero (Petín, 1961) será a persoa que lidere a candidatura á alcaldía de Petín nas eleccións locais de 2027. Licenciada en Xeografía e Historia con especialidade en Xeografía Aplicada, a súa traxectoria profesional atópase estreitamente vinculada ao sector do turismo activo, onde exerce como directora de actividades dunha empresa galega, o que lle outorga a oportunidade de manter un trato directo coas persoas no seu día a día.
Esta supoñerá a súa primeira experiencia na política local, unha incorporación que decidiu aceptar tras a invitación cursada desde a dirección provincial para encabezar a lista do partido. A nova candidata afirma que dá este importante paso “para contribuír a mellorar o presente e futuro de Petín”, comprometéndose a achegar unha visión realista e completamente adaptada ás necesidades reais das persoas do seu concello.
Entre os seus obxectivos máis inmediatos, Calvo Otero sinala a intención de iniciar unha rolda de contactos coa veciñanza de Petín para recoller de primeira man as súas necesidades -“e moi especialmente as súas propostas”-, buscando facerlles sentir como unha parte activa do desenvolvemento do seu concello “e non como meros observadores”.
As persoas, afirma, “o que máis demandan é atención, que se lles escoite, que se lles trate como o que son: construtores do seu concello”. Para a candidata, as persoas deben ser “a prioridade absoluta” na xestión municipal, pois defende que elas son as que mellor coñecen as carencias que sofren e que delas xurdirán as mellores solucións.
Nesta mesma liña, subliña que, tras pulsar a contorna, unha das cuestións que máis preocupa aos seus veciños é a necesidade de contar cunha residencia para maiores, un recurso indispensable dada a elevada idade media da poboación da zona.
Luis Menor pon á candidata como “exemplo de compromiso”
Pola súa banda, o presidente provincial do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, quixo agradecer expresamente o paso dado por Manuela Avelina cara á política local. Menor definiuna como un “exemplo de persoa comprometida co seu concello”, poñendo en valor que asuma a responsabilidade de liderar o proxecto popular en Petín.
Neste sentido, o líder provincial destacou a importancia estratéxica de contar en todos os concellos da provincia con persoas profundamente comprometidas que acepten o reto de incorporarse á política local para revitalizar os seus municipios. Menor enxalzou que a candidata deu o paso para contribuír activamente, pero “sobre todo escoitar, que é de onde xurde a mellor xestión”.