Martín Gil, presidente provincial de Novas Xeracións de Ourense

No congreso extraordinario celebrado pola agrupación xuvenil, a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, felicita a Gil, quen “representa aos mozos comprometidos con Galicia, sen pancartas, sen ruídos nin radicalismos”

Luis Menor pon en valor a política municipal como “canteira” do partido, instando á nova dirección de NNXX en Ourense a fomentar a implicación política xuvenil nos concellos

O responsable da organización xuvenil anuncia a súa intención de ampliar a base social da formación e saír a buscar aos mozos “alí onde están”

17, outubro, 2026

O IX Congreso Provincial de Novas Xeracións de Ourense, celebrado hoxe baixo o lema “Somos quen cambia as cousas”, elixiu ao ourensán Martín Gil como novo presidente das NNXX da provincia, cun 98,5% dos votos nun acto que congregou a máis de 200 mozos. “Mozos así representan á xuventude galega, comprometida e rigorosa, que vai contribuír ao gran cambio necesario neste país”, sinalou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, na clausura do Congreso. No acto tamén participaron o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, e a presidenta de NNXX de Galicia, Nicole Grueira. Prado e Menor instaron á mocidade popular a mobilizarse nas Eleccións Xerais do 29 de novembro, para demostrar “a forza de Galicia” fundamental para poñer fin ao sanchismo e conseguir que Alberto Núñez Feijóo sexa o próximo presidente do Goberno de España.

A número dous dos populares galegos felicitou a Martín Gil polo reto político que asume e tamén agradeceu o traballo do presidente saínte, Nacho Campo. “Os mozos son fundamentais para que este 29N elixamos o Goberno que queremos, para decidir entre a delincuencia ou a decencia”, destacou.

Lembrou que o PPdeG é o partido máis votado polos mozos e mozas de Galicia, sendo a primeira opción do electorado menor de 30 anos, un éxito que agarda que se repita. “Non demos nada por gañado nin nada por perdido. O que pase este 29N será fundamental para os seguintes retos electorais”, subliñou.

Paula Prado enxalzou ás Novas Xeracións como a organización xuvenil máis importante e comprometida de Galicia, “sen pancartas, sen ruído e sen radicalismos”, fronte a unha esquerda “cada vez máis desnortada” e un independentismo galego “que caerá co sanchismo que apoian en Madrid a cambio de nada para Galicia”.

En contraste, puxo en valor o Goberno galego de Alfonso Rueda como exemplo das políticas que se preocupan polo que lle importa aos galegos e galegas, especialmente en temas esenciais como a vivenda. “É o gran problema da cidadanía, unha dificultade que afecta, sobre todo, aos mozos que non poden independizarse”, destacou Prado, que criticou os oito anos de política sanchista “antivivenda” fronte aos esforzos do Executivo autonómico por construír vivenda e redobrar esforzos para facilitar o acceso a un fogar para os menores de 36 anos, entre outras medidas pioneiras.

Luis Menor: “o PP é o espazo idóneo para que mocidade contribúa ás decisións que afectan á súa terra”

Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Ourense destacou que este Congreso culmina a campaña que permitiu percorrer as nove comarcas ourensás para dar voz á mocidade, congregando a preto de 500 participantes e demostrando que a organización xuvenil “ten ganas de traballar” polo futuro da provincia.

Neste contexto celebrou dous fitos clave: a creación da agrupación de NNXX de Verín e a constitución do primeiro equipo comarcal na Limia. Un intenso esforzo territorial que o presidente provincial pediu manter a Martín Gil, para seguir medrando por toda a provincia, “e demostrar o voso profundo compromiso co partido e coa sociedade ourensá”.  

Agradecido ao novo presidente da organización xuvenil e ao seu equipo polo paso dado, o líder provincial reivindicou ao PP como o espazo idóneo para que a mocidade poida formarse e “contribuír ás decisións” que afectan á súa terra. Así, puxo en valor a política municipal como “o primeiro chanzo e a canteira” do partido, instando á nova dirección de NNXX en Ourense a fomentar a implicación política xuvenil nos concellos.

O presidente provincial remarcou que este conclave chega nun momento histórico ante o “inminente e transcendental” reto das eleccións xerais do próximo 29 de novembro. Menor encomendou á nova directiva o “encargo maiúsculo” de traballar ao máximo para facer presidente a Alberto Núñez Feijóo, reconstruír España e atender as necesidades máis destacadas da mocidade. Unha “proba de lume” electoral, na que mostrou a súa absoluta confianza pola preparación e enerxía da organización.

Martín Gil: “Quero lograr que ningún mozo de Ourense sinta que a política non vai con el”

Para Martín Gil, asumir a presidencia de NNXX de Ourense representa un firme compromiso cos mozos da provincia. O dirixente mostrou o seu profundo agradecemento ao presidente provincial e ao conxunto do PPdeG por brindarlles apoio, “dándonos espazo, escoitándonos e confiando en nós”. A cambio, ofreceu a “lealdade, traballo e ilusión que nos caracteriza” para afrontar esta nova etapa.

Na súa faceta como profesor, confesou que constata diariamente como os mozos senten que a política actual non fala deles. Por iso, asumiu o reto de lograr “que ningún mozo de Ourense sinta que a política non vai con el”. O novo presidente definiu á organización non só como unha escola na que “aprendemos a escoitar, a organizar, a debater e a servir”. Novas Xeracións, afirmou, é tamén “a voz dunha xeración con problemas moi concretos”, destacando o reto da vivenda e o desexo de non ter que elixir entre a súa terra e o seu proxecto de vida.

Asegurou que a súa principal tarefa será trasladar todas estas inquietudes directamente ao partido para “transformalas en propostas políticas reais”. Para lograr este fin, anunciou a súa intención de ampliar a base social da formación e saír a buscar aos mozos “alí onde están”. Gil subliñou que asume esta responsabilidade nun momento moi delicado para España, pero que á vez representa unha gran oportunidade política, pois o país merece un Goberno que “pense nas próximas xeracións” para garantir un futuro de certeza.

Neste sentido, apelou ao traballo intenso para as próximas eleccións porque “as novas xeracións queremos ser decisivas”. Concluíu lembrando que Ourense sempre foi unha provincia fiel ao proxecto do PP “e ten que volver demostralo nas urnas”.

Nicole Grueira: “Traballemos polo futuro que queremos”

Por outra banda, a presidenta de NNXX de Galicia, Nicole Grueira, agradeceu o traballo da mocidade ourensá e animou aos seus compañeiros a seguir traballando “polo futuro que queremos para Galicia”. Neste sentido, apelou ao modelo do PPdeG de liderar equipos con “humildade e liberdade”. Para Grueira, o PPdeG é o partido que “cre na xuventude e na gran forza de equipos como o que hoxe lidera Martín Gil nas xuventudes ourensáns”.

Política de cookies

En cumprimento co deber de información recollido no artigo 22. 2 da Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico, a presente política de cookies ten como finalidade informar de maneira clara e precisa acerca das cookies utilizadas na web do PARTIDO POPULAR DE OURENSE (https://www.ppou.es), e de como poden xestionarse. LER MÁIS

 

Cookies estrictamente necesarias

Estas cookies son necesarias para el funcionamiento básico del sitio web y no pueden desactivarse en nuestros sistemas. Puedes configurar tu navegador para bloquearlas, pero algunas partes del sitio podrían no funcionar correctamente. Más información en política de cookies.