O PP de Ourense inicia a campaña pedindo o voto para Feijóo: “Acabouse a función. O 29-N empeza a xestión”

Na tradicional pegada de carteis, Luis Menor chama a mobilizarse “por cada voto” para impulsar o cambio en España e situar as necesidades da provincia entre as prioridades do próximo Goberno

Ana Belén Vázquez: “Pido o voto para que Ourense teña voz, forza e capacidade de decisión nun Goberno presidido por Feijóo”

13, novembro, 2026

O Partido Popular de Ourense abriu a campaña das eleccións xerais do 29 de novembro coa tradicional pegada de carteis do Parque de San Lázaro, na cidade das Burgas, e cunha chamada á mobilización para levar a Alberto Núñez Feijóo á Presidencia do Goberno. O presidente provincial, Luis Menor, acompañado por membros da candidatura e simpatizantes do Partido Popular, pediu o voto para unha candidatura que representa “a experiencia, a capacidade de traballo e o compromiso con Ourense” e que afronta esta cita electoral cun obxectivo: “Reconstruír España e poñer o Goberno ao servizo dos cidadáns”.

“Hoxe pedimos o voto para o Partido Popular porque España necesita un presidente que se ocupe dos problemas dos españois e porque Ourense necesita un Goberno que escoite e responda”, afirmou Menor. O presidente provincial reivindicou a traxectoria de Feijóo, “un ourensán que vén da xestión e ofrece xestión”, e lembrou as súas catro maiorías absolutas e os trece anos á fronte da Xunta como aval da súa capacidade para gobernar.

Menor situou as necesidades da provincia no centro da campaña e criticou “os anos de abandono do Goberno de Sánchez”. Neste sentido, sinalou a falta de avances nas comunicacións, a necesidade de mellores servizos para o tecido empresarial, a seguridade no rural e a atención directa á cidadanía como cuestións que requiren respostas.

“Non imos permitir que os problemas de Ourense queden fóra do debate. Os nosos representantes no Congreso e no Senado van defender o que en xustiza necesita esta terra”, asegurou.

UN EQUIPO PARA DEFENDER OURENSE

O presidente provincial destacou a candidatura encabezada por Ana Belén Vázquez ao Congreso e por Miguel Santalices ao Senado, “un equipo que coñece esta provincia, que ten experiencia e que entende a política como un servizo”.

Pola súa parte, a cabeza de lista ao Congreso, Ana Belén Vázquez, pediu o apoio dos ourensáns para transformar as demandas da provincia en acción de goberno: “Pido o voto para que Ourense teña voz, forza e capacidade de decisión nun Goberno presidido por Feijóo. Queremos que as necesidades desta provincia se convertan en compromisos, en investimentos e en solucións”.

“Presentámonos para defender Ourense e para contribuír ao cambio que necesita España. Cada voto conta para abrir esa nova etapa”, engadiu Vázquez.

Luis Menor pechou a súa intervención cunha chamada á participación e ao traballo de toda a organización provincial durante a campaña: “Non podemos caer no conformismo. Temos que saír a buscar cada voto, explicar o noso proxecto e mobilizar a todos os que queren un cambio. Acabouse a función. O 29-N empeza a xestión”.

Política de cookies

En cumprimento co deber de información recollido no artigo 22. 2 da Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico, a presente política de cookies ten como finalidade informar de maneira clara e precisa acerca das cookies utilizadas na web do PARTIDO POPULAR DE OURENSE (https://www.ppou.es), e de como poden xestionarse. LER MÁIS

 

Cookies estrictamente necesarias

Estas cookies son necesarias para el funcionamiento básico del sitio web y no pueden desactivarse en nuestros sistemas. Puedes configurar tu navegador para bloquearlas, pero algunas partes del sitio podrían no funcionar correctamente. Más información en política de cookies.