
Tanto os recintos da capitalidade como os do resto de núcleos municipais atópanse en mal estado, con bambáns rotos, sen parafusos ou buratos no chan
21, setembro, 2026
Nulo mantemento, abandono total e cero investimento. Deste xeito pódese definir a política do bipartito PSOE e BNG no referente aos parques infantís do municipio de Verín. Desde os situados no centro urbano, como nos recintos da Alameda ou Carmen Estévez (exterior da piscina climatizada), ata os que se atopan en núcleos rurais como en Pazos.
Unha situación que xa trasladou o Partido Popular de Verín ao grupo do goberno municipal, ante as numerosas queixas dos proxenitores e familias, e das que se fixo caso omiso. “En Verín estes espazos que se supón que son lugares seguros para a cativada están totalmente abandonados, con cordas rotas, madeiras en mal estado, parafusos fóra de lugar e incluso buratos no chan”, subliñan desde o grupo Popular de Verín. “É unha vergoña e un auténtico perigo para a seguridade dos nenos e nenas, que non contan con espazos lúdicos axeitados para gozar do seu tempo de lecer”, engaden.
Desde o Partido Popular critican a “desidia e a deixadez” do Goberno local e recordan que para que os parques infantís estean en bo estado é preciso realizar un mantemento periódico, “e en Verín os responsables municipais esquecéronse do que iso significa, os parques están nun estado deplorable, e non se está a facer nada para solucionalo, o que revela unha vez máis a deixadez do goberno local coa infancia e as familias”. Así mesmo, destacan que a primavera e verán son as épocas do ano nas que máis se utilizan estes recintos lúdicos, e a pesar de alertar da situación dos mesmos ao principio de ano, non se efectuou ningunha mellora ata o momento, “esperemos que non se agarde ás eleccións para o arranxo dos parques, aínda que non sería sorpresivo porque a forma de gobernar do bipartito PSOE e BNG xira en torno a ausencia de xestión e planificación”.