
O presidente provincial, Luis Menor, que encabezou unha delegación dos populares ourensáns nunha concentración cidadá, cualifica de “inxustiza” as intencións do Ministerio de Transportes de eliminar paradas nunha estación que non deixa de medrar e pola que xa pasaron máis de 107.000 viaxeiros dende a súa inauguración en decembro de 2021
Advirte que non deixarán de sumarse a toda reivindicación “ata conseguir que cese este recorte absoluto de dereitos”. Unha situación que, engade, “é o capricho dun alcalde dunha gran cidade, que quere condenar a sete comarcas ourensáns e do norte de Portugal”, reducindo os tempos de viaxe a costa de eliminar paradas intermedias, por mero criterio de rendibilidade
Lembra tamén o presidente provincial que o PP de Ourense xa tomou a iniciativa tan pronto tivo coñecemento das intencións do Goberno central, presentando a través dos deputados populares no Congreso varias preguntas e unha moción de urxencia na Deputación, que se transformará nunha iniciativa conxunta de todos os partidos para o pleno deste mes
24, maio, 2025
O presidente do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, esixe ao Goberno central que rectifique as súas decisións “caprichosas e discriminatorias co interior de Galicia”, urxindo ao Ministerio de Transportes que dirixe o socialista Óscar Puente a que deixe sen efecto a supresión de tres servizos ferroviarios con parada na estación da A Gudiña-Porta de Galicia a partir do 9 de xuño. O presidente popular, acompañado por deputados nacionais e autonómicos, senadores, alcaldes e portavoces de PP, sumouse hoxe á concentración convocada hoxe na Gudiña contra o recorte destes servizos.
“É unha reivindicación xusta e imprescindible” dixo Luis Menor, que ampliou as zonas afectadas non só ás comarcas máis próximas a esta estación -Monterrei, A Limia, Viana, Valdeorras e as zonas portuguesas de Tras-Os-Montes, Chaves e Vila Real-, senón á toda a provincia de Ourense.
Menor afirma que serán belixerantes co plan de desmantelamento do Goberno, nunha estación que “non parou de medrar en usuarios” dende a súa inauguración, en decembro de 2021. Xa pasaron máis de 107.000 viaxeiros por esta terminal, case 40.000 durante 2024.
ATAQUE AO FUTURO DA PROVINCIA
Os populares, unidos á veciñanza da zona e aos usuarios afectados por estes recortes que se concentraron hoxe na Gudiña, avisan de que esta decisión do Goberno central “ataca o noso futuro”, situación que “non imos permitir dende o PP, estaremos ata o final, ata que se reverta esta inxusta situación”.
Así Luis Menor anunciou que non deixarán de sumarse a toda reivindicación “ata conseguir que este recorte absoluto de dereitos” cese por parte do Goberno de Pedro Sánchez. Unha situación que, engadiu, “é o capricho dun alcalde dunha gran cidade, que quere condenar a todas estas comarcas”, reducindo os tempos de viaxe a costa de eliminar paradas intermedias, por mero criterio de rendibilidade.
Lembrou tamén o presidente provincial que o PP de Ourense xa tomou a iniciativa tan pronto tivo coñecemento das intencións do Goberno central, presentando de inmediato a través dos deputados populares no Congreso varias preguntas nas que esixe a rectificación da medida. Tamén na Deputación o grupo provincial popular presentou unha moción de urxencia sobre este tema, apoiada en comisión por todos os grupos e que se transformará nunha iniciativa conxunta para o pleno deste mes.
HORARIOS QUE IMPIDEN FACER XESTIÓNS EN MADRID
A concentración de hoxe súmase a outras iniciativas xa rexistradas polo PP para facer fronte común aos recortes en materia ferroviaria. Os populares recórdanlle ao ministro Óscar Puente que o pasado 12 de maio anunciou que melloraría os tempos de viaxe e aumentaría as prazas do corredor de Alta Velocidade Galicia-Madrid a partir do 9 de xuño. Polo contrario, a realidade é que a estación de A Gudiña -Porta de Galicia vese moi prexudicada cos recortes previstos.
Os cambios que pretende o Goberno socialista implican a perda do primeiro servizo matinal que permitía chegar a Madrid ás 10.34 horas, así como o segundo tren ás 11.36 horas. Coas previsións do Ministerio de Transportes, os usuarios chegarán a Madrid despois das dúas da tarde. E, se quixeran regresar no mesmo día, só terían carro horas hábiles na capital, o que reduce ao mínimo a posibilidade de facer xestións en Madrid e aproveitar os beneficios da Alta Velocidade que merece a provincia de Ourense e Galicia no seu conxunto.
Ademais destes prexuízos, a redución de frecuencias tamén faría imposible tomar outros enlaces ferroviarios na capital ou mesmo coller voos no aeroporto de Baraxas.
A VÍA DA PRATA, GRAVEMENTE PREXUDICADA
Ademais, o PP alerta de que a Vía da Prata ourensá quedaría “gravemente prexudicada”, xa que se está impulsando o inicio deste camiño xacobeo dende este punto, moi utilizado polos viaxeiros que chegan dende Madrid.