
Os edís populares escoitan as demandas de veciños como os do Pino, ante un novo foco de ocupación ilegal
Desde o Partido Popular de Ourense esixen ao Goberno central que reforce de inmediato o persoal da Policia Nacional e reclaman ao concello que actúe con urxencia na limpeza, vixilancia e atención social nos barrios
2, xullo, 2025
O Grupo Municipal Popular alerta dun novo caso de ocupación ilegal no barrio do Pino, concretamente na antiga nave dos autobuses urbanos, unha situación que xerou gran preocupación entre os veciños da zona, ata tal punto que empezaron a recoller firmas ante a ineptitude e a desidia das administracións. Representantes do PP na cidade desprazáronse, unha vez máis, a este novo “foco de inseguridade”, para atender as demandas dos veciños e constatar de primeira man o “abandono institucional” que sofren os barrios, onde os cidadáns viven “nun estado de alerta constante”, sinalan os edís populares.
Esta nova ocupación no Pino súmase a novos focos de inseguridade detectados recentemente na cidade, como o tramo do Camiño Real entre a Avenida de Santiago e a N-525, onde os residentes tamén se fan eco dun problema similar.
“Desde o PP defendemos o labor e o compromiso dos axentes da Policía Nacional e Local, que traballan con profesionalidade a pesar da falta de medios. Con todo, a escaseza de efectivos impide dar unha resposta eficaz aos problemas de seguridade que afectan cada vez a máis barrios da cidade”, sinalan desde o Grupo Municipal do PP. Así o constaron na súa visita ao Pino os concelleiros Noelia Pérez, Pepe Araújo e Inmaculada Moreiras.
SETE MESES SEN RESPOSTAS
Ademais, lembran que o pasado mes de decembro o ministro do Interior prometeu unha unidade ao completo da UPR en Ourense, o que supoñería un reforzo de máis de 20 axentes da Policía Nacional. “Sete meses despois, esa promesa segue se cumprirse. Quedou en papel mollado e cos cidadáns desamparados”, insisten os edís populares.
Os concelleiros do PP insisten en que a situación non é illada nin puntual. Así, en barrios como A Ponte, a inseguridade converteuse nunha constante. Ás ocupacións ilegais e os problemas de convivencia súmanse a falta de limpeza, a deterioración da contorna urbana e a ausencia de medidas sociais por parte do goberno municipal. “O deixamento do concello está a agravar o problema, lávase as mans ante os seus veciños, totalmente desprotexidos”, din desde o Grupo Municipal do PP.
Por outra banda, o PP lembra que as estatísticas oficiais que difunde a Subdelegación do Goberno non reflicten a realidade que se vive nas rúas porque moitos veciños xa nin sequera acoden a denunciar os roubos constantes, cansados da falta de resposta por parte das administracións responsables, a Subdelegación do Goberno e o Concello de Ourense Desde o Partido Popular de Ourense esixen ao Goberno central que cumpra os seus compromisos e reforce de inmediato as persoal da Policia Nacional e reclaman ao Concello que asuma a súa responsabilidade e actúe con urxencia