
“O que nos atopamos se imos a cada un dos espazos termais é unha falta de mantemento total con vasos sucios, vestiarios pechados e cheos de pintadas e zonas de acceso cheas de maleza”, afirma a portavoz popular, Ana Méndez
A voceira, lembrou que o alcalde leva máis de cinco anos asumindo directamente as competencias de termalismo ser planificar ningunha actuación para potencialo e que ata perdeu subvencións autonómicas por non executar os proxectos
Ana Méndez desmentiu punto por punto as falsidades que o goberno local está a difundir sobre a situación do termalismo: “as termas levan tempo sen estar anegadas, polo que xa se podería ter o mantemento feito; a piscina de As Burgas segue pechada, cando dixeron fai máis dun ano que xa ía abrir; e non se compraron novos trens turísticos a pesar de que aprobamos unha modificación de crédito para facelo porque os actuais avaríanse constantemente”
“O noso compromiso é coa transparencia e co benestar dos ourensáns e seguiremos traballando para que Ourense recupere o lugar que merece como capital termal”, concluíu
3, abril, 2025
A voceira do Grupo Municipal do PP, Ana Méndez, compareceu hoxe en rolda de prensa, acompañada polos concelleiros Jorge Pumar e Pepe Araújo, co fin de denunciar a “nefasta” xestión do goberno local en materia de termalismo e desmentir as desinformacións que está a difundir neste senso.
“O termalismo en Ourense é unha área que está totalmente abandonada. O que nos atopamos se imos a cada un dos espazos termais é unha falta de mantemento total con vasos sucios, vestiarios pechados e cheos de pintadas e zonas de acceso cheas de maleza. É unha decepción e unha vergoña que os usuarios asiduos e os turistas vexan algo así”, lamentou.
A portavoz popular lembrou que o alcalde leva máis de cinco anos asumindo directamente as competencias de termalismo ser planificar ningunha actuación para potencialo. “E que nin sequera se preocupa polo mantemento das instalacións”, asegurou. Neste senso puxo de manifesto tamén que o goberno local perdeu no que vai de mandato diferentes axudas que o Goberno Galego puxo a disposición do Concello para termalismo. “Todo por non executar os proxectos, o que demostra un total desinterese e falta de vontade política por conseguir que a cidade de Ourense sexa referente termal, cando ten a infraestrutura e a riqueza das augas para selo”, afirmou.
Por outra banda, Ana Méndez desmentiu punto por punto as falsidades que o goberno local está a difundir sobre a situación do termalismo. Primeiramente, sobre os espazos termais que aínda están pechados supostamente polo caudal do rio, tal e como asegurou a semana pasada o alcalde a través dunha nota de prensa, a voceira explicou que “a realidade é que as termas levan bastante tempo sen estar anegadas polo que xa se poderían ter realizado os traballos de mantemento ”. “O que está a suceder é que os vasos se enchen igualmente de persoas que se están bañando sen ningún tipo de vixilancia nin control sanitario, algo que é gravísimo e un risco total”, engadiu.
En segundo lugar a portavoz enumerou a cantidade de falsas afirmacións que o goberno local afirmou sobre a piscina termal de As Burgas nas diferentes xuntas de área dende finais do 2023 ata a actualidade. “En decembro do 2023 aseguraron que a piscina abriría en marzo de 2024, pasou un ano, as obras están rematadas, pero o goberno local continúa acumulando desculpas e contradicións para non poñer en marcha este servizo esencial no corazón do casco histórico”, criticou. “Ata apareceron, sorprendentemente, filtracións de auga cando en teoría só faltaba o mobiliario para a súa apertura e a obra xa estaba recepcionada favorablemente”, continuou.
Por último, Ana Méndez falou sobre os trens turísticos, máis coñecidos como “trens chu-chu”, pois en setembro de 2023 se aprobou, grazas ao Partido Popular, unha partida orzamentaria na que se incluían 600.000 euros para adquirir novos trens turísticos e “a realidade é que non se mercaron novos vehículos senón que se fixeron simples reparacións aos antigos que seguen sufrindo avarías constantes”, indicou.
Por último, a voceira demandou ao alcalde “que abandone a estratexia do engano á cidadanía e que dunha vez por todas poña en marcha medidas reais para impulsar o termalismo en Ourense porque a Semana Santa está ás portas, e centos de turistas visitarán a nosa cidade”. “O noso compromiso é coa transparencia e co benestar dos ourensáns e seguiremos traballando para que Ourense recupere o lugar que merece como capital termal”, concluíu.