O PP de Ramirás rompe o pacto de goberno co PSOE ante as reiteradas escusas da alcaldesa para non ceder a presidencia do Concello ao portavoz popular

O acordo entre ambas formacións establecía un período de dous anos á fronte da alcaldía para cada partido

Juan Carlos Rodríguez Matías tiña que presidir a Corporación municipal desde xuño, “pero xa transcorreron máis de cinco meses e non vemos predisposición por parte da alcaldesa”, a socialista Isabel Gil

Os populares de Ramirás pasarán a ser oposición “e votaremos a favor, en contra ou absterémonos en función do que sexa mellor para a veciñanza e o concello”, di Rodríguez Matías A dirección provincial do PP expresou o seu “firme apoio” ao grupo municipal popular, “que ata o último momento e moito máis aló do previsto tentou que se cumprira co pactado, como eles fixeron respectando sempre o acordo de goberno”

3, decembro, 2025

O Partido Popular de Ramirás anuncia a ruptura do pacto de goberno alcanzado co PSOE tralas eleccións municipais de 2023, polo que ambas formacións acordaron senllos períodos de dous anos á fronte da alcaldía. Segundo este pacto, o portavoz popular Juan Carlos Rodríguez Matías tiña que presidir a Corporación municipal desde xuño, “pero xa transcorreron máis de cinco meses e non vemos predisposición por parte da alcaldesa -a socialista Isabel Gil- e só continuas escusas para evitar o relevo”.

En consecuencia, dixo Rodríguez Matías, o PP de Ramirás pasará a ser oposición “e votaremos a favor, en contra ou absterémonos en función do que sexa mellor para a veciñanza e o concello”.

O concelleiro popular lembrou que nas eleccións locais de maio de 2023 rexistrouse un triplo empate entre PP, PSOE e BNG, obtendo cada formación tres concelleiros. “Sempre estivemos abertos a falar con socialistas e nacionalistas, aínda que as negociacións non foron doadas”, sinala Juan Carlos Rodríguez.

Tras descartar a opción co BNG, o pacto alcanzado co PSOE tiña como principal acordo o relevo na alcaldía aos dous anos de mandato, ademais de incluír a dous concelleiros do PP na Comisión de Goberno. Isabel Gil comezou a primeira quenda, “xa que ao estar gobernando nos catro anos anteriores podería así rematar algúns proxectos que tiña en marcha, como o centro de día”, explicou o portavoz do PP.

O 30 de xuño, desvelou Rodríguez Matías, comezaron os contactos para iniciar o relevo, tal e como estaba fixado, “pero desde entón só seguimos escoitando máis escusas sobre a apertura do centro para maiores”.

En setembro, o grupo municipal do PP esixiu que se convocara o pleno para dar conta do cese de Isabel Gil á fronte da alcaldía, iniciando así o relevo. “Dábanos igual quince días arriba ou abaixo, pero o escrito de convocatoria non chegou”. Esta situación, “unida á ausencia de reunións da Comisión de Goberno”, levou finalmente aos populares de Ramirás a romper o pacto de goberno cos socialistas e iniciar unha nova etapa na oposición.

“Firme apoio” da dirección provincial

A dirección provincial do PP expresa o seu “firme apoio” ao grupo municipal popular de Ramirás, “que ata o último momento e moito máis aló do previsto tentou que se cumprira co pactado, como eles fixeron respectando sempre o acordo de goberno”.

Ante a complexa situación derivada dos resultados das eleccións municipais en 2023, os concelleiros do PP tiñan moi claro o seu obxectivo, destaca a dirección provincial: “Conseguir o acordo máis vantaxoso para o Concello e os seus habitantes, garantindo a gobernabilidade”.

Política de cookies

En cumprimento co deber de información recollido no artigo 22. 2 da Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico, a presente política de cookies ten como finalidade informar de maneira clara e precisa acerca das cookies utilizadas na web do PARTIDO POPULAR DE OURENSE (https://www.ppou.es), e de como poden xestionarse. LER MÁIS

 

Cookies estrictamente necesarias

Estas cookies son necesarias para el funcionamiento básico del sitio web y no pueden desactivarse en nuestros sistemas. Puedes configurar tu navegador para bloquearlas, pero algunas partes del sitio podrían no funcionar correctamente. Más información en política de cookies.