O PP de Verín alerta da falta de mantemento e do abandono dos núcleos de Vilela e Tintores

Integrantes dos populares verineses reúnense coas asociacións de veciños destas aldeas para coñecer as súas necesidades e demandas

Estas citas enmárcanse nunha rolda de visitas a todos os núcleos rurais do concello ante a falta de atención do Goberno local do PSOE e BNG

24, febreiro, 2026

O Partido Popular de Verín comezou unha rolda de visitas a todos os núcleos rurais do concello para coñecer de primeira man a situación de cada aldea e as demandas e necesidades da súa veciñanza. As primeiras citas, ás que acudiron diversos integrantes das filas populares verineses, foron coas asociacións de veciños de Vilela e de Tintores, onde constataron a falta de mantemento e o abandono do Goberno local do PSOE e do BNG con estes núcleos.

No caso de Vilela, as principais demandas son a limpeza dun muro que protexe a aldea das riadas e o arranxo de zonas que provocan que cando chove haxa inundacións e problemas para circular. “As obras da estrada fixéronse en época de seca, e cando vén a auga, en Vilela xorden moitos problemas”, sinalan. Así mesmo, tamén piden a mellora da rúa San Martiño e a construción dun almacén no centro social.

Pola súa banda, en Tintores tamén teñen graves problemas en épocas de choiva: “As cunetas están taponadas, a rúa principal énchese de auga e as fochancas dificultan moito a circulación”, destacan. Tamén hai vías que quedaron incomunicadas pola maleza e os veciños alertan do mal estado da ponte da área recreativa “polo gran peso que soporta, e con dúas pedras xa desprazadas”. Nesta zona, a asociación de veciños tamén critica que o mantemento é nulo, tanto na zona infantil como no merendeiro.

Nestes encontros, os populares tamén aproveitan para darlle a coñecer ás asociacións as diversas axudas e medidas provinciais e autonómicas ás que poden concorrer os veciños para mellorar os seus locais sociais, adquirir mobiliario ou realizar proxectos para mellorar a calidade de vida nestas aldeas. Así mesmo, desde o Partido Popular están á súa disposición para facilitarlle este proceso e guialos nos diferentes trámites administrativos.

“É a tónica xeral”

Tras estas visitas, o Partido Popular reclamará ao Concello verinés que actúe en Vilela e Tintores e que atendan as demandas da veciñanza. “É unha vergoña ver como están estas aldeas, abandonadas totalmente”, afirman. “A falta de mantemento e ese abandono é tal que nalgúns casos os veciños teñen que buscar alternativas e arranxar determinados espazos pola súa conta, sen o apoio do bipartito”, engaden.

De feito, os populares tamén denuncian que o alcalde comezara “obras e as deixara a medias, así como que prometera melloras antes das últimas eleccións locais e que tres anos despois non houbera nada cumprido”. Os integrantes das filas populares verinesas alertan de que o “bipartito non goberna, non xestiona e non atende á cidadanía”, reafirmando que esta “forma de facer” é “a tónica xeral nun Verín que cada vez ten máis socavóns, menos limpeza, máis zonas sen mantemento e nun Verín no que as aldeas están totalmente esquecidas”.

No mes de marzo, o PP de Verín continuará percorrendo o municipio e escoitando a veciñanza. “Cremos que é importante estar ao carón da xente, e desde a nosa posición como oposición, traballar para que o bipartito goberne tamén para a veciñanza dos núcleos rurais”, conclúen os populares, reclamando ao Goberno do PSOE e BNG que “faga menos promesas e demostre con feitos”.

Política de cookies

En cumprimento co deber de información recollido no artigo 22. 2 da Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico, a presente política de cookies ten como finalidade informar de maneira clara e precisa acerca das cookies utilizadas na web do PARTIDO POPULAR DE OURENSE (https://www.ppou.es), e de como poden xestionarse. LER MÁIS

 

Cookies estrictamente necesarias

Estas cookies son necesarias para el funcionamiento básico del sitio web y no pueden desactivarse en nuestros sistemas. Puedes configurar tu navegador para bloquearlas, pero algunas partes del sitio podrían no funcionar correctamente. Más información en política de cookies.