
“Ofrézcolle aos ourensáns e ás ourensás un proxecto serio, rigoroso e con visión de cidade e futuro. Un proxecto construído desde o diálogo e desde un profundo coñecemento da realidade da cidade e dos problemas dos veciños; froito de meses de traballo e de escoita”, afirmou a candidata popular
“A nosa cidade necesita un goberno que resolva os problemas da xente. Que dea explicacións en lugar de poñer escusas. Que substitúa o ruído pola xestión e que volva poñer á cidadeno centro de todas as decisións, non os intereses persoais”, destacou
“Quero ser a alcaldesa de todos os ourensáns. Dos que confían en nós desde hai anos e tamén dos que nunca nos votaron”, concluíu
22, xullo, 2026
A candidata do Partido Popular á Alcaldía de Ourense, Ana Méndez Gil, ofreceu esta mañá a súa primeira rolda de prensa tras ser proclamada oficialmente candidata. Unha comparecencia na que reafirmou o seu compromiso coa cidade e marcou as liñas do proxecto político co que o Partido Popular concorrerá ás eleccións municipais de 2027.
A voceira do Grupo Municipal Popular asegurou que afronta esta nova etapa “con moitísimo orgullo e ilusión, pero sobre todo con moita responsabilidade e cunha enorme determinación”, ao considerar que ser candidata “non é un título, senón un compromiso coa cidade na que nacín, na que vivo e na que quero seguir construíndo o meu futuro”.
A candidata popular reivindicou que Ourense “merece recuperar a confianza, a ilusión e a ambición por volver ser unha cidade líder” e defendeu a necesidade dun goberno “que resolva os problemas da xente. Que dea explicacións en lugar de poñer escusas. Que substitúa o ruído e o espectáculo pola xestión e que volva poñer á cidadanía no centro de todas as decisións, non os intereses persoais”.
Durante a súa intervención, destacou que “Ourense ten un enorme potencial, pero leva demasiado tempo desaproveitándoo”. Neste sentido, tamén sinalou que a cidade necesita políticas que faciliten o acceso á vivenda aos mozos, un transporte público moderno e útil, servizos sociais máis eficaces, barrios coidados, apoio ao pequeno comercio, máis investimento e emprego, así como aproveitar todo o potencial do termalismo, da cultura e do patrimonio.
Neste contexto, Ana Méndez Gil explicou que o proxecto do Partido Popular “non nace nun despacho”, senón “da rúa, do diálogo e do coñecemento profundo da realidade de Ourense”. A candidata puxo en valor o traballo que se está a desenvolver desde os grupos de traballo dos distintos distritos da cidade, que están a percorrer os barrios e mantendo contacto directo cos veciños para coñecer de primeira man as súas preocupacións, necesidades e propostas.
Ademais, explicou que “temos tamén grupos sectoriais, formados por profesionais e persoas con experiencia en cada materia, que están a traballar en diferentes ámbitos fundamentais para o futuro da cidade e que levan meses convertendo esa escoita en propostas e solucións concretas”.
Fronte ao Goberno actual, Ana Méndez Gil ofrece aos ourensáns e ás ourensás “un proxecto serio, rigoroso e con visión de cidade e de futuro; sen improvisacións”. Un proxecto, subliñou, “construído desde o diálogo e desde un profundo coñecemento da realidade da cidade e dos problemas dos veciños; froito de meses de traballo e de escoita”.
Por último, a popular recalcou que a súa candidatura “non é un proxecto persoal”, senón “un proxecto colectivo no que cabe toda a xente que, como min, está convencida de que Ourense merece moito máis”.
“Quero ser a alcaldesa de todos eses ourensáns. Dos que confían en nós desde hai anos e tamén dos que nunca nos votaron. Estou convencida de que Ourense pode volver ser unha cidade líder, unha cidade que avance e da que todos sintamos orgullo”, concluíu Ana Méndez Gil.