Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 O PPOU insta ao Goberno Municipal de Ourense a que procure unha solución á situación dos edificios “fóra de ordenación” dentro do PXOM

Imprimir ppou - 06-Febreiro-2014 - 12:41:03 

  • Os populares veñen de rexistrar unha moción de urxencia para ofrecer un marco de estabilidade e de seguridade xurídica

Ourense, 06 de febreiro de 2014.- O Grupo Municipal do PP de Ourense ven de rexistrar unha moción de urxencia, para o seu debate e aprobación no pleno de mañá, co seguinte acordo:

"Que o Concello de Ourense incorpore no documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal, actualmente en tramitación, as determinacións aplicables a aquelas construcións e edificios considerados "fóra de ordenación", amparándose nas posibilidades que ofrece a lexislación vixente, tal e como teñen feito outras cidades e vilas de Galicia, para ofrecer un marco de estabilidade e de seguridade xurídica aos seus lexítimos propietarios e perfeccionar o documento reitor do urbanismo municipal".

Argumentan os populares na súa exposición de motivos que a planificación urbanística municipal ten como fin último crear un instrumento claro e preciso que oriente o desenvolvemento, prevea un crecemento sostible e preserve os principais valores do territorio, achegando seguridade para o patrimonio público e privado e creando un marco de referencia que aporte garantías e estabilidade para a actividade económica e social.

A planificación así concebida debe ter o seu reflexo nun Plan Xeral de Ordenación Municipal que, partindo da realidade deseñe un escenario conforme a unha pautas establecidas, fixando os parámetros de obrigado cumprimento para o desenvolvemento futuro, pero tamén co establecemento de excepcións que teñen a súa orixe e motivación en realidades que se foron consolidando ao longo dos anos, tanto desde o punto de vista físico como xurídico.

A elaboración dun Plan Xeral de Ordenación Municipal non pode deixar á marxe das súas determinacións, nunha nebulosa etérea ou nun limbo alegal, decenas de edificios, centos de fogares, que son -e deberán seguir sendo- parte intrínseca da nosa cidade, sen procurarlle un recoñecemento ou un encaixe no documento básico da propia cidade.

Non é posible pechar os ollos a unha realidade que está diante de nós, e ben visible, polo simple feito de que non se amolda a uns criterios xerais que, sendo imprescindibles e desexables, deben orientar o futuro e non ignorar o presente.

O caso dos edificios que exceden os parámetros dunha nova planificación, comunmente cualificados como "fóra de ordenación", son unha realidade presente en todas as cidades e en boa parte de vilas galegas. En todas elas se lle buscou un acomodo nos respectivos Plans Xerais. E fíxose partindo dos instrumentos existentes e dentro da normativa vixente, sen deixar esas construcións á marxe e sen recorrer a cuestionar o marco lexislativo, a xeito de desculpa.

Boa parte das grandes cidades de Galicia teñen xa o seu Plan Xeral adaptado á lexislación vixente e teñen resolto a integración dese tipo de edificacións no documento reitor do seu urbanismo. Iso é posible porque a actual Lei 9/2002, a coñecida como LOUGA, que rexe o urbanismo de Galicia, contempla este tipo de edificacións no seu artigo 103 habilitando aos propios concellos que no Plan poidan incorporar tanto a determinación do grao do réxime de fóra de ordenación como para establecer as limitacións e condicións especiais para as edificacións encadradas nese réxime.

Mesmo no texto do borrador para unha nova Lei do Solo proposto polo Goberno galego (no que está a traballar unha Comisión Parlamentaria e cuxa consulta é de acceso público a través de internet) se recolle esa mesma figura no artigo 85 cunha maior precisión, aínda que incidindo no papel determinante que respecto dese réxime, das obras e autorizacións, segue a ter o planeamento municipal e, en consecuencia, o propio concello como autor dese planeamento.

Polo tanto, non cabe escorrer o vulto nin botar balóns fóra, o planeamento municipal pode, e debe, establecer a determinación dese tipo de edificacións e con iso dotar de recoñecemento, de estabilidade e mesmo de seguridade xurídica, a este tipo de edificacións. En consecuencia o Grupo Municipal do Partido Popular de Ourense formula para a súa consideración e aprobación polo Pleno Municipal a devandita moción.


(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: