Noticias
Blog
Manuel Baltar viaxa a Arxentina e Uruguai “porque temos que seguir defendendo os intereses dos nosos emigrantes”
Así o expresou hoxe Manuel Baltar antes de partir para Bos Aires, primeira etapa da súa viaxe, na que ao longo dunha semana desenvolverá unha intensa axenda de traballo, con visitas aos centros ourensáns de Bos Aires e Montevideo, así como as sedes do PP en ámbalas dúas capitais. Asemade, o seu programa inclúe xuntanzas con representantes do Goberno da cidade de Bos Aires e coas directivas de diversos centros galegos. Tamén pronunciará unha conferencia sobre actualidade política na Universidade Aberta Interamericana.
Con esta viaxe, Manuel Baltar cumpre o compromiso que adquirira antes de ser presidente do PP de Ourense, cando afirmara que Arxentina e Uruguai serían os seus primeiros destinos para coñecer as inquedanzas e necesidades dos afiliados populares no exterior e de todos os ourensáns que residente na diáspora.
Ademais de entrevistas con medios de comunicación da colectividade galega en Arxentina, Manuel Baltar reunirase con directivos, afiliados e simpatizantes nas Casas de Ourense, en Bos Aires e Montevideo, e con directivos do Partido Popular de Arxentina e Uruguai.
Asemade, manterá un encontro coa colectividade ourensá en Bos Aires, no que será o acto central da súa viaxe, e entrevistarase co director de Relacións Institucionais do Goberno da cidade de Bos Aires, Claudio Avruj, para seguir intensificando as relacións entre as autoridades locais e a colectividade ourensá de Arxentina.
Finalmente, no ámbito académico, Manuel Baltar foi convidado pola Universidade Aberta Interamericana para pronunciar unha conferencia sobre "Actualidade política española e galega", dirixida a profesores e estudiantes da citada universidade.