Noticias
Blog
Presentación de Manuel Cardoso como candidato a Alcaldía de Vilardevós
Ourense, 2 de agosto de 2010.- O Partido Popular de Ourense mantén este verán a súa intensa actividade política, para ir preparando o que será o camiño cara as eleccións municipais do vindeiro ano. Na rolda de presentación de candidatos que está levando a cabo por toda a provincia o turno foi para Manuel Cardoso, presidente da xunta local do PP en Vilardevós, quen será o cabeza de lista Popular para as Municipais no Concello de Vilardevós.
O acto de presentación contou coa presenza do presidente provincial do Partido Popular, Manuel Baltar, quen estivo acompañado do secretario provincial, Rosendo Fernández, e de alcaldes e cargos electos das comarcas do contorno, así como de afiliados e simpatizantes do Partido Popular. Manuel Baltar dixo que o PP "está a preparar a súa estrutura e equipos de cara ás eleccións municipais de 2011", onde os Populares agardan consolidar e seguir mellorando os resultados que converten ao PP no partido preferido maioritariamente polos ourensáns.
Manuel Baltar afirmou que Cardoso "será un gran alcalde para un gran concello", e engadiu que o PP "traballa pensando na xente, e ten como único obxectivo mellorar a calidade de vida, as infraestruturas e os servizos en todos os concellos da provincia, polo ben dos nosos veciños".