Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 Manuel Baltar encabeza a delegación do PP de Ourense na Convención Nacional de Málaga

Imprimir ppou - 04-Outubro-2011 - 12:49:08 

Ourense, 4 de outubro de 2011.- O presidente do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, encabeza a delegación ourensá que participará o vindeiro fin de semana na Convención Nacional do Partido Popular en Málaga. Baltar viaxará xunto con deputados, senadores, parlamentarios e outros cargos electos e do partido ao que será o encontro que servirá de comezo da campaña na que o PP agarda acadar con Mariano Rajoy o Goberno de España nas vindeiras eleccións xerais.
Manuel Baltar afirma que o PPOU non sae nestas eleccións "a empatar, como o PSOE, senón a gañar", lembrando que os populares de Ourense teñen como obxectivo incrementar un deputado no Congreso (pasar de 2 a 3). Tamén lembra o presidente provincial que o emprego será "o eixo fundamental" da campaña "porque é o que nos preocupa como políticos responsables e porque é o que lles preocupa aos cidadáns, que levan case oito anos sufrindo a improvisación, o descrédito e a ineficacia dos gobernantes socialistas; improvisación, descrédito e ineficacia que son tres dos peores cualificativos que poden dicir dun políticos".
Afondando no emprego e nas medidas económicas, o presidente do PPOU afirma que é preciso reactivar o crédito e levar a cabo unha profunda reforma do sistema financeiro. "Todos debemos xuntar esforzos para saír da crise, e o sector financeiro ten que asumir a súa parte de responsabilidade para atopar as mellores solucións".

En canto ao mercado laboral, Baltar considera que tamén é necesaria unha reforma para poder crear emprego. "pero non abonda con crear máis emprego, hai que crear mellor emprego", e por iso avoga por reducir a temporalidade e avanzar cara a un modelo de contrato indefinido estándar, e mellorar a negociación colectiva para que empresarios e traballadores poidan adoptar as medidas necesarias para facilitar a contratación e evitar as perdas de postos de traballo.
A Convención Nacional de Málaga terá o lema "O que España necesita", e estará estruturada en torno a seis eixos: emprego, educación, benestar, administracións austeras, fortalecemento das institucións democráticas e recuperación do prestixio de España no mundo. Unhas 3.000 persoas daranse cita na Convención, na que expertos, profesionais, políticos e mozos debaterán sobre o que España e as familias necesitan, "aportando ideas en positivo que é o que a sociedade demanda, e lonxe da improvisación, a incapacidade e a crispación, que son as propostas do PSOE", afirma Manuel Baltar.

(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: