Noticias
Blog
Manuel Baltar: “Cada voto ao PP é un voto na dirección correcta. O 23 de xullo acadaremos unha gran maioría que romperá a política dos bloques e dos bloqueos”
A cabeza de lista ao Congreso, Ana Belén Vázquez, definiu a Alberto Núñez Feijóo coma a “garantía para abrir unha nova etapa en España. Despois de cinco anos de ‘sanchismo’, necesitamos un Goberno que sexa motor de solucións e non de problemas”
15, xullo, 2023
• Na súa intervención desta tarde en Bande, o líder provincial do PPdeOU destacou a importancia de votar o vindeiro 23 de xullo: “Quedan oito días para o cambio que merece España. Cada voto ao Partido Popular, cada voto a Alberto Núñez Feijóo, é un paso máis na dirección correcta”
• “O 23 de xullo acadaremos unha gran vitoria electoral que suporá a gran maioría que convén a España. Unha gran maioría coa que romperemos a política dos bloques e dos bloqueos en Madrid, e coa que recuperaremos a concordia, o respecto e a institucionalidade”, recalcou Manuel Baltar
• “Alberto Núñez Feijóo tradúcese en previsibilidade e xestión. En Galicia coñecemos perfectamente a súa capacidade, recoñecida con catro maiorías absolutas consecutivas. E estes son os seus mellores avais para liderar o cambio en España a partir do 23 de xullo”, destacou Manuel Baltar no mitin, celebrado na Praza da Constitución de Bande
• O líder provincial incidiu na consecución do terceiro deputado, o gran obxectivo destas eleccións xerais na provincia de Ourense: “Queremos deixar o marcador en 3-1, recuperar ese terceiro deputado que fala do músculo electoral do PPdeOU, da capacidade mobilizadora do partido máis importante da historia de Ourense e da potencia electoral de Alberto Núñez Feijóo, o mellor reclamo destas eleccións xerais para o noso territorio”
ANA BELÉN VÁZQUEZ: “O CAMBIO DE CICLO É IMPARABLE. O PP É UN PARTIDO FORTE E COHESIONADO, QUE ESTÁ NO MOMENTO PERFECTO PARA GAÑAR O 23 DE XULLO E XESTIONAR O PROGRESO DE ESPAÑA”
• Pola súa banda, a cabeza de lista do PP ao Congreso por Ourense, Ana Belén Vázquez, definiu a Alberto Núñez Feijóo como a “garantía para abrir unha nova etapa en España. Porque despois de cinco anos de ‘sanchismo’, necesitamos un Goberno que sexa un motor de solucións e non de problemas”
• “O cambio de ciclo é imparable. Este é un partido forte e cohesionado, que está no momento perfecto para gañar o 23 de xullo e facer o que fixemos sempre: xestionar o progreso de España”, recalca Ana Belén Vázquez
• A candidata popular lembrou os “repetidos abandonos” de Pedro Sánchez coa provincia: “Ourense nunca, en ningún momento, foi unha prioridade para o actual Goberno. Por iso o ‘sanchismo’ pode resumirse nunha montaña de esquecementos e agravios en cuestións fundamentais como os servizos ferroviarios, as infraestruturas ou a potenciación dos nosos recursos”
• Fronte ao desleixo de Sánchez con Ourense, Ana Belén Vázquez reivindicou os vencellos e o compromiso de Feijóo coa provincia: “O próximo presidente de España é unha garantía para o futuro de Ourense. Cada voto ao PP é un voto para esta provincia, que non pode ter un mellor valedor ca un presidente que coñece cada recuncho de Ourense, todas as súas potencialidades e as demandas de alcaldes e veciños”
• O acto electoral celebrado esta tarde na Praza de Constitución de Bande contou coa presenza dos candidatos populares ao Congreso e ao Senado, ademais das intervencións da cabeza de lista do PPdeOU á Cámara Alta, Carmen Leyte; Ánxeles Vázquez, en representación do PPdeG; e Sandra Quintas, en representación do PP de Bande.