Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 Celso Delgado insta o Goberno a licitar sen máis demora as actuacións pendentes na nova estación intermodal de Ourense

Imprimir ppou - 10-Marzo-2021 - 20:57:12 


● Na comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Congreso reclamou ao secretario xeral de Infraestruturas do  MITMA que liciten a variante exterior de Ourense

● Solicita que se ordene o estudo do traslado das mercadorías da actual estación de Ourense a unha nova terminal no polígono de San Cibrao das Viñas

10, marzo, 2021.

Esta tarde na Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Congreso  o deputado ourensán Celso Delgado formulou unha pregunta ao secretario xeral de infraestruturas do  MITMA, Sergio Vázquez  Torrón, ao que pediu que concretase cando licitará ADIF Alta Velocidade as actuacións pendentes na nova estación intermodal de Ourense.

Na súa primeira intervención, Delgado sinalou que o Ministerio de Transportes anunciara no Boletín Oficial do Estado do 3 de febreiro a aprobación do expediente de información pública e definitivamente do "Estudo Informativo do proxecto nova estación intermodal de Ourense". Unha esperada aprobación que acumulou un enorme atraso debido a que o estudo informativo foi asinado e elevado á superioridade por  INECO- Foster-Cabanelas en maio de 2018.

  
  
Un proxecto que veu motivado polo convenio marco de colaboración subscrito o 22 de xuño de 2016 entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, o Concello de Ourense e ADIF Alta Velocidade.

Este estudo informativo aprobado recolle  unha serie actuacións que a día de hoxe aínda están pendentes de licitar:
  • No edificio de viaxeiros, ante a necesidade de xerar un maior espazo libre de vestíbulo para a acollida do incremento de viaxeiros que resultará da ampliación dos servizos ferroviarios previstos, propoñéndose ampliar a súa superficie cunha nova sala de espera  exterior acristalada. O estudo informativo aprobado recolle tamén actuacións na praza de acceso, coa prolongación natural do vestíbulo principal do edificio de viaxeiros, xerando tres bandas paralelas á Avenida de Marín.
  • Contempla o estudo informativo aprobado unha actuación consistente nunha pasarela de acceso ás plataformas sobre as vías, con dúas escaleiras mecánicas, dous ascensores e unha escaleira fixa. 
  • Prevé ademais como elemento integrador no edificio de viaxeiros unha solución de cubertas  solapadas que recollen todos os novos espazos e intervencións baixo un único elemento.
  • O estudo informativo aprobado propón tamén unha pasarela urbana como conexión peonil accesible entre os barrios de O Vinteún e A Ponte.
  • E finalmente propón a execución dun  cubrimiento parcial da praia de vías para reducir os niveis de ruído e vibracións nos edificios próximos derivado do incremento dos tráficos ferroviarios. Esta zona comprende desde a avenida de Santiago ata aproximadamente a Rúa Ático Noguerol.
Resulta necesario que estas actuacións se acometan o máis axiña posible ante a inminencia da posta en servizo do último tramo da conexión de alta velocidade entre Ourense e Pedralba de la Pradería, o que falta para a conexión entre Galicia e Madrid a expensas da execución futura da variante exterior.

O secretario xeral de Infraestruturas respondeu que este ano se prevé a chegada da alta velocidade a Galicia, afirmando que se deron os pasos necesarios na estación intermodal de Ourense e que un avance foi a aprobación do estudo informativo, pero que o obxectivo actual é a chegada da alta velocidade a Ourense.

Engadiu que se finalizaron as obras de adecuación de vías e plataformas en xuño de 2020 cun custo de 14 millóns de euros, mantendo “os compromisos da intermodal pero que hai que ir paso a paso, sendo os próximos meses importantes para concretar o escenario de investimentos”.

Nunha segunda intervención, Celso Delgado pediu “concreción, expectativas reais, non meros desexos expresados. Nós necesitamos saber, e tamén coñecer cando van licitar a variante exterior de Ourense, nos tramos Taboadela- túnel de Rante,  túnel de  Rante- Seixalbo e  Seixalbo-Conexión  Seixalbo, para os cales hai unha partida orzamentaria de 29 millóns de euros nos orzamentos de 2021”.

“Necesitamos –continou Delgado- que se preocupen de ordenar un estudo da viabilidade de trasladar a actual estación de mercadorías de Ourense- Empalme ao polígono de San Cibrao das Viñas, onde neste momento se demandan o estudo de viabilidade e porque este proxecto da estación intermodal de Ourense está afectado pola actual presenza da zona de mercadorías.”

Rematou instando á licitación destas actuacións “porque son necesarias para dar un mellor servizo aos usuarios do ferrocarril de Ourense, que afortunadamente en meses próximos van ser bastante máis numerosos pola chegada da alta velocidade.”


(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: