Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 Manuel Baltar: “Quen vote polo PP o 12 de xullo sabe quen será o presidente e que programa aplicará”

Imprimir ppou - 06-Xullo-2020 - 14:03:09 


• O presidente do PP de Ourense analiza nunha entrevista publicada na revista ECO Eixo Atlántico a actualidade de Ourense e Galicia e o escenario diante das vindeiras eleccións autonómicas.

6, xullo, 2020.

O presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, analiza nunha entrevista publicada na revista ECO Eixo Atlántico a actualidade de Ourense e Galicia e o escenario diante das vindeiras eleccións autonómicas. Neste sentido, afirma que os comicios “se van desenvolver con absoluta normalidade, sabendo que é seguro votar mantendo as medidas de precaución. E en canto o resultado oscila entre dous modelos: o do certo, o de quen non precisa saber por onde se entra ao despacho e como se xestiona, mesmo nunha pandemia, con total coordinación –aquí viuse a experiencia en sanidade de Feijóo–, e o outro modelo que sería unha ensalada de partidos que xa sabemos como acaba”.

  
  
“En Galicia –expresa Baltar- temos a experiencia do bipartito, o goberno máis desastroso da historia da autonomía que agora vemos repicado en España, entre o que queda so socialismo e o comunismo. Quen vote ao PP o 12 de xullo sabe quen será o presidente e que programa aplicará; quen bote o Bloque vai ter un presidente socialista e iso implica facer un novo programa electoral sen a validación das urnas. Creo a opción está clara e os galegos son o bastante intelixentes para ver quen fala en clave de Galicia. O noso partido é o partido de Galicia e ten un candidato que sabe xestionar Galicia e que situou a comunidade nestes anos como exemplo e referencia. O outro é o desastre”. 

O presidente do PPOU e da Deputación de Ourense protagoniza este mes a portada da revista ECO Eixo Atlántico, publicación que está a conmemorar o seu 25º aniversario, na cal o máximo responsable do goberno provincial analiza tamén na entrevista os principais valores da provincia de Ourense, que a levan a liderar, nesta fase da desescalada do COVID-19, diferentes ámbitos de actuación no que atinxe a emprendemento, economía, axudas sociais, cultura, turismo e termalismo, nos que a deputación que preside demostrou a súa eficacia na xestión.

Na entrevista, realizada no balneario de Arnoia, Baltar repasa os principais acontecementos desde a declaración da pandemia pola OMS (11 de marzo de 2020) e as iniciativas levadas a cabo pola Deputación de Ourense. “A crise do COVID pasou factura en Ourense pero en menor medida que en outros territorios e a recuperación vai ser tamén máis rápida”, afirma Manuel Baltar.

Neste sentido, destaca a posta en marcha de iniciativas “que lideraron a innovación nos gobernos provinciais de España, cousa que coñezo ben por estar na Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias e por presidir Partenalia, que é a asociación europea de gobernos provinciais. Nós, desde o principio, impulsamos o Comité do Día Despois. Agora fálase moito de comités de reactivación económica, pois nós témolo en marcha desde o principio, da man dos empresarios, dos autónomos, de Sogarpo, de Abanca, das mulleres empresarias, da asociación de polígonos empresariais etc. con reunión semanais que serven para ter aprobado xa en abril unha modificación de crédito que fai que esteamos ante a Deputación máis social de toda a historia”.

Baltar sinala que entre as primeiras medidas que adoptou a Deputación de Ourense figura unha liña de axudas aos concellos “para implementar plans de empregabilidade, porque o emprego é unha das maiores preocupacións para todos os concellos da provincia. Tamén puxemos en marcha axudas directas a autónomos que xa se están cobrando e probablemente cando se publique esta entrevista xa estarán rematados os milleiros os expedientes e cobradas todas as axudas que tanto se precisan. E tamén axudas a pequenas e medianas empresas e a traballadores sometidos a ERTE, reforzo do servizo de teleasistencia, programas novos como 'comerciOU' que tratan de fomentar o comercio de proximidade… en definitiva, unha serie destinadas a paliar as graves consecuencias da situación xerada pola pandemia”.

Neste apartado, tamén salienta a Comisión “Ourense Futuro”, “que lle dará protagonismo -afirma- á sociedade ourensá”. “Toda aquela persoa que queira aportar algo para axudar na reactivación económica da provincia poderá intervir e facelo de forma totalmente transparente. Cremos que a planificación é unha materia obrigada para calquera administración pública e nós demostrámolo cada día. Fomos de novo a primeira administración pública de España en aprobar os orzamentos, o 25 de setembro. Ningún outro goberno o fixo, nin local, nin provincial, nin autonómico, nin o Estado. Para nós a planificación e a anticipación son clave e teño que dicir que isto é posible tamén grazas ao excelente traballo que fan os empregados públicos da Deputación de Ourense”.

Neste novo contexto no que estamos, Manuel Baltar destaca varias cuestións que, na súa opinión, van resultar claves: “Unha delas é o Centro Galego da Innovación na FP, unha aposta pola innovación, a creatividade e o talento entre o alumnado e profesorado de Formación Profesional e que vai favorecer a incorporación de novas tecnoloxías e o desenvolvemento industrial de Ourense ao permitirlle ao noso empresariado contar cun capital humano altamente cualificado; e tamén é fundamental o termos conseguido a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco, un tema polo que levo loitando desde o ano 2013 porque considero que é esencial para preservar a historia, a natureza e a cultura deste territorio”.

A estas iniciativas Baltar une proxectos como  o “EmpredOU”, “deseñado para apoiar a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos para que poidan crear o seu propio posto de traballo naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico ao que se enfronta toda Europa; e tamén o proxecto “Ourense, destino turístico intelixente”, un novidoso sistema que permitirá mostrar os recursos turísticos da provincia coa tecnoloxía máis vangardista aplicada ao ocio, cultura, termalismo, natureza ou gastronomía; ao igual que o proxecto “Raia Termal” que vai permitir crear unha rede de cooperación entre Ourense e o Norte de Portugal para potenciar a riqueza termal desta contorna transfronteiriza. Son exemplos de planificacións anteriores á crise que non só non quedan obsoletas senón que cobran maior importancia neste novo escenario”.

En canto á relación co Goberno central nos meses de estado de alarma, Manuel Baltar cualifícaa de “decepcionante”. “Por parte da Subdelegación do goberno en Ourense recibín dúas chamadas, unha o primeiro día para anunciar o estado de alarma e outra por unha cuestión que nada tiña que ver coa pandemia. Iso xa dá unha idea de como foi a coordinación. E así llo fixen saber ao presidente Sánchez na videoconferencia na que participei como membro da FEMP, na que pedín máis axudas e menos propaganda, que é o sentir xeral da poboación. Tamén tivemos outras videoconferencias con algúns ministros e a conclusión, igual de decepcionante”. 
A pesares diso, destaca que “fomos a primeira administración de Galicia en mercar material sanitario que puxemos a disposición da Xunta no posto de mando avanzado que constituíu en cada provincia para repartir entre os concellos. Iso é coordinación e lealdade, dúas cousas que non houbo por parte do Estado. E o que pido agora é que non se nos quite a liquidez froito do remanente de tesourería que teñen as entidades locais porque preténdese que outras administracións utilicen esa liquidez en vez de investilas no territorio que foi capaz de xeralas. E outra loita na que estamos agora mesmo é tamén a da xestión do ingreso mínimo vital que debe ser planificada e contar cun fondo específico para non caer nesta trapallada na que derivou o suposto mando único e que foi un desastre”. 

Baltar fai unha defensa férrea do rural, “e aínda máis nestes momentos”. “Ese medio rural do que tanto se fala foi quen de seguir funcionando nun momento de parálise total e de abastecer os fogares, e hai que seguir mimándoo. Temos un consello asesor que está configurando a “Marca Ourense” para pór en valor os nosos produtos e hai que seguir traballando por aí porque é un sector que acaba de mandarnos unha mensaxe de optimismo e de futuro”, remarca.

Nesta liña, destaca a constitución do Consello Asesor de Turismo, “con ducias de operadores –hostalería, restauración, enograstronomía etc.–. O primeiro que fixemos foi pór en marcha, anticipándonos a todos, unha estratexia, Ourense Destino Seguro, que vén dunha empresa ourensá Local Safe, que vai a funcionar a nivel estatal e que apoiamos desde a Deputación. Isto vai reactivar moito o sector e tamén as axudas aos autónomos: hai 4.000 comercios na provincia e todos recibiron axudas e material sanitario da Deputación. E reactivamos tamén a aposta polo termalismo. Eu presido da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa e hai preocupación en todas por como vai a afectar isto, pero nós empezamos xa a actuar. Neste sentido, estamos traballando xa en crear un paquete termal atractivo tendo en mente que a auga é vida, sendo a auga termal, saúde; e hoxe o que buscamos é precisamente saúde, relax e tranquilidade. E iso é o que pode ofrecer Ourense, a provincia con maior potencial termal de Europa, só a cidade é superada por Budapest en canto a caudal termal e iso hai que explotalo”, dixo Baltar.


(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: