Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 Novas Xeracións presenta a deputados, senadores e parlamenarios ourensáns as súas propostas para incorporar aos mozos ao rural

Imprimir ppou - 30-Maio-2017 - 12:51:34 


• As suxestións, recollidas pola organización xuvenil, inciden en maiores facilidades para a creación de empresas, explotacións agrícolas, emprego ou turismo, entre outras.

Ourense, 30 de maio de 2017.- “A incorporación dos mozos ao rural, como oportunidade laboral e para frear a despoboación, é un labor no que deben implicarse todas as administracións, deseñando unha estratexia que faga do rural un lugar atractivo para vivir”, manifestou o presidente de Novas Xeracións do PP, José Antonio Parente, durante a reunión que mantivo con representantes provinciais populares do Congreso, o Senado e o Parlamento de Galicia. Un encontro no que trasladou a deputados e parlamentarios unha serie de suxestións recollidas nas diferentes agrupacións locais da organización xuvenil.

  
  
Para Novas Xeracións, o campo “non resulta atractivo para residir aos mozos e mesmo a familias xóvenes pola carencia de servizos, de tal xeito que deciden vivir en vilas ou cidades”. Os problemas de comunicación terrestre, un insuficiente servizo de transporte ou de telecomunicacións e mesmo a seguridade son algúns dos aspectos que citan os mozos do Partido Popular.

Entre as propostas presentadas no encontro, a organización xuvenil formulou a axilización dos prazos administrativos para a apertura de explotacións agrícolas por parte dos mozos, a redución das correspondentes taxas e unha revisión das axudas pola incorporación ao rural e para a compra de maquinaria agrícola. Tamén solicitan unha política de concentración parcelaria que facilite un mellor investimento en terreos, así como incentivar a cesión ou aluguer das superficies abandoadas e a posta en valor do monte mediante o fomento de cooperativas forestais.

A simplificación dos trámites e a rebaixa de taxas tamén figura entre as peticións para impulsar a creación de empresas, así como tamén a necesidade de establecer mecanismos que axuden a súa promoción.

Neste mesmo apartado Novas Xeracións dedica unha mención especial ao turismo, xa que as empresas de servizos turísticos tamén deberían ter, ao seu xuízo, incentivos que facilitasen a súa implantación en zonas rurais.

No tocante ao emprego solicitan incentivos para a contratación de persoal local mediante a redución de impostos e bonificacións tributarias, ademais da mellora da xestión das oficinas de emprego municipais, que de coñecer o censo de demandantes de emprego e das empresas nun determinado área poderían realizar un labor máis eficiente, incluídas as solicitudes para a realización de prácticas.

Non faltan outras suxestións para un rural máis atractivo para os mozos, como facilidades á hora da restauración de casas antigas ou reforma das existentes ou unha mellor xestión dos espazos culturais nos concellos que permita ofrecer máis actividades.

José Antonio Parente, que agradeceu a colaboración dos mozos de Novas Xeracións na recollida de propostas, pediu a deputados, senadores e parlamentarios a súa implicación para facer chegar ás institucións autonómicas e nacionais estas suxestións, “coas que pretendemos mellorar e facilitar a incorporación dos mozos e mozas ao rural”.


(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: