Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 O alcalde de Ribadavia mentiu á veciñanza sobre a situación dos terreos do futuro centro de saúde

Imprimir ppou - 10-Abril-2017 - 12:02:33 


• A mentira quedou ao descuberto na última xunta de goberno local na que se aprobou o proxecto de agregación e segregación de parcelas que era imprescindible para habilitar os terreos.

• As mentiras do goberno de Ribadavia puxeron en risco un proxecto que a estas alturas xa podería estar rematado e que, por causa da incompetencia do goberno, hoxe está no aire.

Ribadavia, 8 de abril de 2017.- O alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, mentiu reiteradamente e de forma deliberada á veciñanza sobre a situación dos terreos que deberían albergar o futuro centro de saúde de Ribadavia. A mentira quedou ao descuberto na última xunta de goberno local, na que se aprobou o proxecto de agregación e segregación de parcelas que era condición imprescindible para regularizar a situación. Un trámite que, segundo afirmara o alcalde en numerosas ocasións, xa estaba resolto, o que deixa hoxe ao descuberto que o señor Gómez mentiu de xeito deliberado e con aleivosía.

As mentiras do goberno municipal deixan ao descuberto que se hoxe non existe un novo centro de saúde en Ribadavia, é por responsabilidade única do goberno municipal. A Consellería de Sanidade reclamou en máis de tres ocasións ao Concello dende o ano 2009 que se cumprisen os pasos legais e administrativos para poder licitar a construción do centro de saúde. Pero os diferentes gobernos nos que participou Ignacio Gómez, en lugar de resolver os trámites que lles correspondía, dedicáronse a culpar á Xunta do retraso, poñendo dese xeito ao concello de Ribadavia ao servizo de estratexias políticas partidistas.  

O feito de que na xunta de goberno local do 3 de abril de 2017 se aprobase o proxecto de agregación e segregación de parcelas ven a demostrar que este trámite estaba sen facer, e que Ignacio Gómez mentía con absoluto descaro pois sabía que a situación das parcelas era irregular. Estas mentiras do goberno municipal puxeron en risco un proxecto que a estas alturas xa podería estar rematado e que, por causa da incompetencia do goberno, hoxe está no aire.

O voceiro popular, César Fernández, sinalou que “hoxe puidemos comprobar como quedaron ao descuberto todas as mentiras do alcalde de Ribadavia, que en lugar de defender os intereses dos veciños leva anos empregando a institución municipal como ferramenta ao servizo de intereses partidistas.”

Fernández salientou que “esta utilización malintencionada do Concello para facer política contra outras administracións, unida ao feito de que queda perfectamente demostrado que o alcalde mentiulle deliberadamente aos veciños, inhabilitan ao señor Gómez para seguir sendo alcalde de Ribadavia polo que, se lle restara un mínimo de decoro institucional, debería presentar hoxe mesmo a súa dimisión.”


(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: