Noticias
Blog
O PP cre que a reforma do Tinteiro pon en risco o caudal do seu manancial
O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Ourense considera que as obras realizadas no manancial do Tinteiro non supoñen unha mellora cualitativa para que un dos espazos con máis tradición popular en canto a usos terapéuticos das augas minerais de Ourense adquiran o peso que a calidade das súas augas posúen. "Na reforma primou a estética -comenta Gómez Villar- sobre o sentido termal e práctico. Parece coma se este goberno bipartito só se preocupase por que as cousas que fai queden bonitas, cando o verdadeiramente importante é que se saiba harmonizar estética con utilidade, e fixérono pondo en perigo o caudal do manancial, aínda que agora queiran encubrilo baixo a escusa dunha sabotaxe".
Aurelio Gómez Villar, concelleiro do grupo municipal do PP lembrou que xa temos "a amarga experiencia do Campo da Feira, que si, quedou moi bonito, pero chóvelle por riba aos clientes, e converteuse nun espazo desanxelado no que non apetece estar cando sopra vento ou vai frío". Criticou igualmente que ás primeiras incidencias ocorridas tras a inauguración do novo espazo no Tinteiro, "o goberno municipal diga que son sabotaxes, cando se acontecesen cun goberno do PP, desde a oposición estarían a dicir que son froito da incompetencia. Esa dobre vara de medir que teñen PSOE e BNG vese unha vez máis neste caso".