Noticias
Blog
Xinzo de Limia, 8 de outubro de 2010.- O alcalde Xinzo de Limia, Isaac Vila, deixará mañá de ser alcalde deste municipio, logo de 25 anos de servizo ao concello do que foi o máximo rexedor en dúas etapas. A decisión fundaméntase no feito de ter asumido novas responsabilidades como senador, en concreto na Comisión de Industria do Senado, onde Vila desenvolverá competencias na Mesa e na Portavocía.
"Foi unha decisión moi meditada. A Alcaldía de Xinzo require dunha dedicación exclusiva, e dadas as novas responsabilidade que asumo no Senado, non podería levar a cabo as miñas competencias como alcalde coa dedicación plena e total que considero necesaria para xestionar axeitadamente este gran concello, polo ben dos veciños de Xinzo", explica Isaac Vila.
A renuncia de Isaac Vila verase formalmente ratificada mañá sábado nun pleno extraordinario que se celebra na Casa Consistorial de Xinzo. De seguido, a corporación reunirase novamente no prazo de dous días para elixir ao novo alcalde.
Isaac Vila -quen continuará como concelleiro popular na corporación municipal ata o remate da lexislatura- comunicou onte a súa decisión nunha reunión coa xunta de portavoces, e posteriormente co grupo municipal do PP.
Isaac Vila, de 74 anos, foi alcalde de Xinzo durante 25 anos en dúas etapas: a primeira dende 1979 ata 1997 e a segunda dende 2003 ata a actualidade. Con anterioridade a estes dous períodos, foi concelleiro en Xinzo de Limia entre os anos 1973 e 1979. De profesión mestre, Vila é ademais empresario e foi director do Banco Pastor de Xinzo entre os anos 1965 e 1996.
Entre os cargos que ocupou na súa dilatada traxectoria profesional destaca o de presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), organismo no que estivo á fronte durante 10 anos (1987-1997). Tamén foi vicepresidenta da Deputación de Ourense e deputado provincial. Actualmente é alcalde de Xinzo -cargo que deixa mañá- e senador do PP na Cortes Xerais, cargo que xa desempeñara na lexislatura 1989-1993.