Noticias
Blog
O alcalde de Leiro, Francisco Fernández, repetirá como candidato do PP nas Municipais de 2011
Ourense, 9 de setembro de 2010.- O alcalde de Leiro, Francisco Fernández Pérez, repetirá como candidato do Partido Popular á Alcaldía deste concello nas eleccións municipais que se celebrarán en maio de 2011. Así o acordou por unanimidade a Xunta Local do PP de Leiro na reunión que mantivo hoxe, coa presenza do presidente provincial do PP de Ourense, Manuel Baltar.
A renovada confianza do partido en Francisco Fernández -quen ademais é presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense- ven dada polo seu traballo de dedicación a prol dos veciños de Leiro, contribuíndo ao longo destes anos a mellorar os servizos e infraestruturas do concello, tarefas que se traducen na mellora da calidade de vida e o benestar dos veciños de Leiro.
Dende hai uns meses, e especialmente neste inicio do curso político, o Partido Popular de Ourense está a impulsar un amplo traballo organizativo de cara a vindeira cita electoral das Municipais de 2011. O PP considera fundamental para seguir mellorando os resultados dos comicios de 2007 na provincia de Ourense, "ter unha perfecta coordinación e organización para que poidamos achegarnos con efectividade e resolución ás necesidades dos veciños dos nosos concellos", afirma o presidente provincial, Manuel Baltar.
"O noso obxectivo e constituír as mellores e máis potentes candidaturas nos 92 concellos da provincia para dinamizar a vida política e facela máis achegada ás demandas dos nosos veciños", explica Manuel Baltar.