Noticias
Blog
Manuel Baltar: “O galego debe unirnos e non confrontarnos politicamente”
O presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, afirma que a actual proposta de decreto que regula o uso do galego no ensino non universitario “é una mostra de vontade política e de consenso, e debe ser examinado no seu conxunto e considerado como un punto de encontro. Debe unirnos a todos e non servir de instrumento de confrontación política”. |
Manuel Baltar valora que as aportacións da Real Academia Galega, do Consello da Cultura e doutros colectivos implicados “pois son as institucións cimeiras da nosa cultura e fixeron un labor constructivo, e a oposición debería ter en conta este exemplo”. O presidente provincial do PP de Ourense considera que a lingua propia de Galicia, "a fala dos avós que temos mortos" como dixo o grande poeta de Celanova, Celso Emilio Ferreiro, “non pode ser obxecto de confrontación política. Por iso apelamos á responsabilidade do PSdeG e do BNG. Neste momento o decreto é un documento de referencia no ensino, pero a normalización lingüística, a defensa e promoción do noso idioma, é un proceso que afecta á totalidade da sociedade galega”. Manuel Baltar considera que Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística, “foi quen de conseguir unha regulación moi valiosa. Cómpre, agora, que todos sexamos xenerosos e que axudemos, cada un desde o seu lugar, a que este decreto contribúa a encauzar o debate social e político arredor da lingua galega, cara ao traballo normalizador, aportando ideas e materializando proxectos que contribúan a elevar a conciencia do noso pobo; o orgullo de termos idioma proprio no século XXI, cando outros xa perderon o seu”. Manuel Baltar incide en que o texto do decreto garante a competencias nas dúas linguas oficiais, mediante un sistema de equilibrio de horas e de materias que se van impartir en galego e castelán. Tamén inclúe o coñecemento dunha lingua estranxeira, conta coa voz das familias en Infantil, Primaria e ESO, e prevé potenciar o galego desde os centros. Respecto subliña que o decreto inclúe un artigo novo: “Fomento do galego nas actividades extraacadémicas e extraescolares" algo que nunca se fixera nos anteriores decretos de ensino. Todo iso axuda a que o obxectivo de promoción do galego e de capacitación lingüística na nosa lingua, recollido na Lei de Normalización Lingüística, “abra posibilidades para o traballo normalizador”, afirma Manuel Baltar.