Noticias
Blog
O PP constitúe as xuntas xestoras de San Xoán de Río e Castro Caldelas
Ourense, 15 de xuño de 2010.- O presidente do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, asistiu hoxe á constitución das xuntas xestoras do PP nos concellos de San Xoán de Río e Castro Caldelas, acompañado de Rosendo Fernández, secretario provincial do PP. Ambos dirixentes Populares coincidiron en afirmar que estes actos políticos "permiten encarar con ilusión e cun renovado equipo de traballo os meses que restan para a cita das eleccións municipais", explicou Manuel Baltar.
O obxectivo fundamental é acadar a maioría absoluta, recuperando para o PP o goberno dos concellos de San Xoán de Río e Castro Caldelas. No caso de Río, o presidente da Xunta Xestora é Gerardo Rodríguez Domínguez, e en Castro Caldelas liderará o Partido Popular Manuel Lage Blanco.
Coa constitución destas xestoras o Partido Popular de Ourense continúa o seu percorrido pola provincia "facendo máis forte un proxecto político chamado a recibir novamente a gran maioría do apoio electoral nas eleccións municipais de maio de 2011", en opinión de Manuel Baltar.
Precisamente o PP de Ourense foi o primeiro partido na provincia que comezou a súa andaina cara ás municipais de 2011, e nesa liña de contacto permanente cos cidadáns está a levar a cabo un programa de actividades que levará a todos os concellos para pulsar a opinión dos veciños, e xunto con eles facer o mellor programa, atendendo ás propostas e necesidades dos cidadáns.