Blog

 O Comité Electoral do PP de Ourense acorda designar a Manuel Baltar candidato á Presidencia da Deputación

Imprimir ppou - 28-Xaneiro-2012 - 20:40:33 

Ourense, 28 de xaneiro de 2012.- O Comité Electoral do Partido Popular de Ourense, reunido hoxe, acordou por unanimidade designar a Manuel Baltar candidato á Presidencia da Deputación Provincial de Ourense. Ao remate da xuntanza, nunha comparecencia diante dos medios de comunicación, o secretario do Comité Electoral e secretario provincial do PP, Rosendo Fernández, acompañado polos vogais do comité Ana Belén Vázquez e Antonio Mouriño, deu lectura a acta na que se recolle o acordo, tralo cal o candidato, Manuel Baltar, compareceu en rolda de prensa para avaliar a devandita resolución.
Manuel Baltar dixo sentirse «profundamente honrado» pola designación, «porque creo en Ourense, nun Ourense con maiúsculas, e asumo esta candidatura cunha grande responsabilidade, convicción, gañas e forza para traballar pola nosa provincia e seus cidadáns». Baltar dixo ser un «convencido» do papel fundamental que desempeñan as deputacións «especialmente en provincias como a de Ourense, na que todos os concellos, agás a capital, teñen menos de 20.000 habitantes, e onde se fai precisa esa labor de asistencia técnica, administrativa, xurídica e de servizos que só pode prestar a Deputación, unha institución que ten como finalidade garantir os principios de solidariedade e equilibrio intermunicipal».
Manuel Baltar afirmou que para realizar o noso traballo «temos como base política un partido, como o Partido Popular, que ten recibido desde sempre na nosa provincia o apoio maioritario dos cidadáns, porque e o partido que máis se identifica cos ourensáns».
Baltar agradeceu designación e a confianza que o PPOU deposita na súa persoa para que asuma a Presidencia da Deputación Provincial de Ourense, apoio que, dixo, tamén recibiu por parte de todos os deputados provinciais do Partido Popular e do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo.
Logo de tres lexislaturas no Parlamento de Galicia, ocupando nesta última o cargo de vicepresidente, Manuel Baltar, está a menos de dez días de converterse no presidente da Deputación de Ourense, un cargo ao que agarda chegar «porque, se estou en política, é porque creo firmemente en Ourense e nas súas posibilidades, e porque a política non pode ser unha fábrica de conformismo, senón unha actividade na que un debe estar para poñer en marcha proxectos e iniciativas que aporten benestar aos cidadáns e ao noso territorio».

Suscíbete:
Redes Sociales: