Noticias
Blog
O PP denuncia que Castrelo do Val é o concello “con maior déficit democrático”

Ourense, 26 de xaneiro de 2012.- O portavoz do Partido Popular en Castrelo do Val, Manuel Pérez, denunciou hoxe que este concello "é o de maior déficit democrático da provincia de Ourense". Así o afirmou nunha comparecencia ante os medios de comunicación, acompañado polo secretario provincial do PP, Rosendo Fernández, onde afirmou que Castrelo do Val, onde segue sendo concelleiro Raúl Fernández -líder provincial socialista-, "é un exemplo do que non debe ser a xestión municipal".
O Concello onde foi alcalde Raúl Fernández -cómplice tamén da xestión actual como concelleiro do grupo goberno-, "constitúe un modelo de prácticas políticas a desterrar", dixo Manuel Pérez, quen denunciou as numersoas irregularidades detectadas como: a falta de transparencia na xestión municipal; a ocultación de datos á oposición; a falta de resposta ás solicitudes de información; as ameazas de agresión que recibiu por parte dun traballador municipal -xa denunciadas ante a Garda Civil-; as irregularidades no uso dos bens do Concello; a presunta comisión de delitos electorais (o propio Raúl Fernández está censado nunha casa dun particular que non é nin da súa familia); a utilización do Concello como sede socialista -mentres lle negan ao grupo Popular algún local propio-, e a contratación partidista de persoal -dúas integrantes da candidatura do PSOE entraron a traballar no ente local-.
Todo isto constitúe "unha colección de atrocidades administrativas que fan que sexa moi difícil facer oposición nun concello onde a saúde democrática vela pola súa ausencia", en opinión de Manuel Pérez.
O PP de Ourense pregúntase cómo Raúl Fernández pode saír de cando en vez a lanzar "soflamas de democracia, liberdade e progreso", cando o seu caso particular, e o do concello onde foi alcalde e é concelleiro, eríxese nun caso flagrante de noxento ambiente antidemócrata, no peor estilo das repúblicas bananeiras.








