Noticias
Blog
O PP de Ourense rexistra os mellores resultados de Galicia no voto da emigración
Ourense 23 de novembro de 2011.- O Partido Popular de Ourense gañou tamén na emigración e rexistra os mellores datos de Galicia. Así se desprende do escrutinio realizado hoxe do voto do censo de residentes no exterior (CERA), onde os populares ourensáns acadaron o 54% dos votos. O PP de Ourense obtivo 1.664 votos, fronte aos 1.033 do PSOE e 133 do BNG.
Este resultado, sumado ao acadado o pasado domingo, fai que o Partido Popular de Ourense, liderado por Manuel Baltar, chegue á cifra máis alta de votos desde as Eleccións Xerais de 2008. Desde aqueles comicios o PPOU ven experimentando unha suba ininterrumpida en porcentaxe de voto elección tras elección -a única provincia de Galicia que ten esta suba-, o que sitúa ao PP de Ourense como a forza política preferida polos ourensáns, a moita distancia de PSOE e BNG.
Os datos do escrutinio do voto emigrante reflicten tamén que o PP de Ourense -co 54% en porcentaxe de voto- supera a todas as demais provincias galegas, e mesmo á media de Galicia (48,65%), destacando especialmente a diferenza coa provincia de Lugo, onde o PP acadou o 43,76% dos sufraxios. O PP en Pontevedra acadou o 51,56%, e en A Coruña o 46,01%.
A vitoria histórica do PP de Ourense ven referendada polo feito de ter sido a sétima provincia de España con maior porcentaxe de apoio ao Partido Popular, o que significa, en opinión do presidente provincial, Manuel Baltar, "que se cumpriron os tres obxectivos que nos marcamos na campaña electoral: que Rajoy sexa presidente do goberno; lograr tres deputados e tres senadores, e ser a provincia de Galicia con maior apoio ao PP (56,65%) -superando en catro puntos a media galega e en 12 puntos a media de España".
Cunha cifra en torno aos 114.000 votos, a provincia de Ourense volve demostrar novamente o gran respaldo ao Partido Popular, xa que superou a 43 provincias en apoio ao PP.
Continuo ascenso
Con respecto ás Xerais de 2008 o PPOU tivo 8.800 votos máis nas eleccións do pasado domingo; e con respecto das Autonómicas de 2009, conseguiu uns 9.000 votos máis. Polo que respecta ás eleccións locais de 2011, o PPOU viu incrementados os seus votos en máis de 12.000. O PP de Ourense gañou en 9 dos 10 concellos máis poboados da provincia e en todos os partidos xudiciais e superando en 38.868 votos a PSOE e BNG xuntos. Tamén o PPOU foi a forza máis votada en 86 dos 92 concellos da provincia.
Ourense foi tamén a provincia con maior participación de Galicia (73,57%), cinco puntos por riba do ano 2008 e dous puntos máis ca media nacional, feito que lexitima, se cabe, aínda máis o triunfo electoral acadado o domingo polo Partido Popular de Ourense.








