Blog

 Ourense, entre as 7 provincias de maior apoio ao PP

Imprimir ppou - 21-Novembro-2011 - 19:59:38 

Ourense 21 de novembro de 2011.- O Comité de Dirección do Partido Popular de Ourense reuniuse esta tarde, presidido por Manuel Baltar, para analizar os resultados das Eleccións Xerais 2011, eleccións nas que o PPacadou unha vitoria histórica. As urnas déronlle aos populares o mellor resultado da súa historia, con máis de 10,7 millóns de votos en toda España, acadando 186 deputados no Congreso, 32 máis que na última lexislatura.
Os resultados en Ourense seguiron esa exitosa tendencia, e situaron á provincia ourensá entre as sete provincias españolas con maior porcentaxe de apoio ao PP, para as candidaturas ao Congreso e ao Senado encabezadas por Celso Delgado e Carmen Leyte.
O presidente provincial do PP, Manuel Baltar, dixo que o PP de Ourense "cumpriu os tres obxectivos que se marcara na campaña electoral: que Rajoy sexa presidente do goberno; lograr tres deputados e tres senadores, e ser a provincia de Galicia con maior apoio ao PP (56,65%) -superando en catro puntos a media galega e en 12 puntos a media de España".
Cunha cifra en torno aos 114.000 votos, a provincia de Ourense volve demostrar novamente o gran respaldo ao Partido Popular, xa que superou a 43 provincias en apoio ao PP.
As primeiras palabras de Manuel Baltar na noite electoral foron para as máis de 26.000 persoas que non teñen traballo na provincia de Ourense, "para eles e para todos os ourensáns traballaremos por saír desta crise e por devolver á nosa sociedade o benestar que nunca debeu perder". 
Baltar trasladou a todos os cidadáns que confiaron no Partido Popular a súa "fonda gratitude", agradecendo tamén aos membros das candidaturas e aos miles de militantes e simpatizantes "que nos apoiaron e traballaron tanto para facer posible que este novo proxecto que hoxe iniciamos leve a Ourense, a Galicia e a España á senda do crecemento e da prosperidade".
Manuel Baltar recalcou que "Ourense nunca falla e non defrauda", e engadiu que os resultados son o froito dun traballo responsable e serio "que nos levou a máis de 250 actos nos que chegamos directamente coa nosa mensaxe a máis de 20.000 persoas por toda a provincia de Ourense, para dicirlles que hai outra forma de facer política, pensada só e exclusivamente no benestar da cidadanía".
O presidente provincial fixo unha primeira análise dos resultados destacando que o PP de Ourense gañou en 9 dos 10 concellos máis poboados da provincia, gañando tamén en todos os partidos xudiciais e superando en 20 puntos a suma de PSOE e BNG xuntos. Tamén lembrou que o PPOU foi a forza máis votada en 86 dos 92 concellos da provincia.
Baltar cualificou o resultado de "magnífico", pero lembrou que "aquí non remata nada, senón que comeza unha etapa de responsabilidade e de eficacia na xestión, porque a situación e moi difícil e temos que saír adiante entre todos".
Datos históricos
Analizando polo miúdo os resultados electorais destaca o feito de que Ourense foi a provincia con maior participación de Galicia (73,57%), cinco puntos por riba do ano 2008 e dous puntos máis ca media nacional, feito que lexitima, se cabe, aínda máis o  triunfo electoral acadado o domingo polo Partido Popular.
A provincia de Ourense acadou tamén a maior diferenza de Galicia entre os votos populares e a suma de socialistas e nacionalistas (19,33 puntos), e foi tamén a provincia que máis diferenza rexistrou entre PP e PSOE (28,72 puntos), superando co BNG os 47 puntos.
En Ourense cidade, onde gañou o PSOE en 2008 con catro puntos de diferenza daquela, O PP foi nestas eleccións a forza máis votada (47%), trece puntos máis que o PSOE. Extrapolando estes resultados o PP obtería a maioría absoluta: 15 escanos.
Os concellos, excluída a cidade, onde máis votos tivo o PP foron: O Carballiño, Verín, O Barco e Xinzo de Limia, por esta orde.Tamén destaca o feito de que os cinco concellos de Galicia con maior apoio ao PP sexan ourensáns: Beariz (88,6%), Avión (88,5%), Quintela de Leirado (84,6%), Chandrexa de Queixa (80,9%) e Pontedeva (81,5%).
Con estes resultados o PP, que gañou en todos os partidos xudiciais, obtería 3 deputados provinciais máis dos actuais: un polo partido xudicial de Ourense, outro por Ribadavia e outro por O Carballiño. Serían entón 18 de 25 os escanos populares. Así mesmo, o PP de Ourense tería con estes resultados 2 escanos máis no Parlamento de Galicia (9 en total PP), fronte aos 7 actuais.

Suscíbete:
Redes Sociales: