Blog

 20.000 ourensáns, nunha das campañas electorais con maior participación cidadá do PP

Imprimir ppou - 18-Novembro-2011 - 18:30:15 

Ourense, 18 de novembro de 2011.- " O yogur socialista caduca este domingo". Con estas palabras Manuel Baltar, presidente provincial do PP de Ourense, aconsella aos ourensáns "non consumir un proxecto político como o socialista: fracasado e sen futuro".
O presidente popular fai unha avaliación "moi positiva" dos quince días de campaña electoral nos que 20.000 ourensáns puideron coñecer o programa electoral e as propostas dos candidatos populares nos 250 actos organizados por esta formación política.
Baltar destaca a presenza de Mariano Rajoy na provincia, "mantendo un contacto directo cos cidadáns e co partido", para asumir "un compromiso con Ourense" diante dos integrantes da Xunta Directiva do PP de Ourense. Tamén sinala a masiva asistencia ao mitin central de onte no Pavillón dos Remedios, "e precisamente "remedios" son os que necesita España despois da desfeita socialista".
O líder popular lamenta o medo dos socialistas a facer unha campaña na rúa, "a peito descuberto", falando de emprego, que é o principal problema dos españois. Baltar pregúntase "cal é o equipo económico dos socialistas". "Rubalcaba leva toda a campaña preguntando a Rajoy, pero non se atreve a dicir os nome das persoas que integrarían o seu equipo económico para saír da crise; será porque os socialistas prefiren deixarlle iso ao PP ou porque recoñecen que a economía non é o deles?", di Manuel Baltar e engade: "Abonda con ver o resultado das receitas socialistas: só serviron para fundirnos máis".
Chamada á participación masiva
Manuel Baltar agradece o traballo realizado por todos os membros das candidaturas e de todo o partido nesta campaña electoral, e fai unha chamada á participación para que o goberno que saia das urnas "o faga con maior lexitimidade e superior forza". "Ourense e España -afirma- xóganse moito este 20-N, e o principal pensamento do PP, antes, durante e despois da campaña, son sen dúbida os 26.237 ourensáns que non teñen traballo".
O PP de Ourense lembra que os seus tres retos nesta campaña electoral son: que un galego popular como é Mariano Rajoy sexa presidente do Goberno; que o PP obteña 3 escanos no Congreso e 3 escanos no Senado, e que Ourense sexa de novo a primeira provincia de Galicia en apoio ao PP. Segundo Manuel Baltar son "obxectivos difíciles, pero non imposibles, só están ao alcance dunha forza política como nós, o partido dos ourensáns".

Suscíbete:
Redes Sociales: