Blog

 A frase “Ourense nunca falla” fíxose realidade una vez máis nun Pavillón dos Remedios cheo ata a bandeira no mitin central do PP

Imprimir ppou - 18-Novembro-2011 - 11:05:50 

Os ourensáns encheron onte o Pavillón dos Remedios para asistir ao mitin central do Partido Popular de Ourense nesta campaña. Ante máis de 3.000 persoas Manuel Baltar, Celso Delgado e Alberto Núñez Feijóo expuxeron as razóns que farán posible que Mariano Rajoy sexa elixido o vindeiro domingo presidente de España "co apoio masivo que terá dos cidadáns nas urnas".
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, dixo que os cidadáns "teñen que escoller entre un "Luns ao Sol" ou "Luns da Esperanza" e pediu "solemnemente" o voto e apelou repetidamente aos bos resultados alcanzados polo PP na provincia de Ourense. "Ourense nunca falla", dixo Feijóo.
Alberto Núñez pediu na recta final da carreira ás urnas, aproveitar a "oportunidade" para ter na Moncloa a un "presidente galego". "Aquí en Ourense estamos afeitos ás goleadas e agora pídovos o voto dos que queren un cambio, un luns na esperanza dos que non queren máis luns ao sol".
Pola súa banda, o presidente provincial Manuel Baltar tivo palabras de lembranza para os emigrantes "que sempre están aí apoiando", e tamén lembrou ao presidente e fundador do Partido Popular, Manuel Fraga, recordando que "dentro de tres estará de aniversario".
Baltar propúxolle aos cidadáns reflexionar cando o vindeiro domingo vaian camiño do colexio electoral "a quen lle confiarían as chaves da súa casa: a Rajoy ou a Rubalcaba". Tamén dixo que os socialistas "son como un reloxo: cada vez que os miras dinche algo diferente", e engadiu que fai oito anos "nos Zapatearon e agora queren Rubalcabar con nós".
O cabeza da lista para o Congreso, Celso Delgado, dixo que o executivo liderado por José Luís Rodríguez Zapatero, "mentiu tres veces" sobre a chegada da alta velocidade de Galicia, "e terán que pagar coa súa saída do Goberno todas as promesas incumpridas coa cidadanía". Tamén asegurou que o novo ministro de Fomento "buscará o consenso para estudar os soterramento da estación do AVE en Ourense".

Suscíbete:
Redes Sociales: