Noticias
Blog
Máis de 8.000 persoas asistiron aos actos do PP en Ourense no que vai de campaña
Ourense, 11 de novembro de 2011.-O presidente provincial do PP de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe que "o mellor termómetro para medir a ilusión e as ganas de cambio político na cidadanía é a masiva afluencia de persoas aos mítines, reunións e encontros que está a celebrar o Partido Popular por toda a provincia de Ourense". No ecuador da campaña electoral son xa máis de 8.000 as persoas que asistiron aos actos do PPOU na capital e nos municipios da provincia percorridos até o de agora polos candidatos ao Congreso e ao Senado, acompañados por cargos populares e dirixentes locais, provinciais e autonómicos do partido.Baltar subliñou "a destacada presenza" do presidente do PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "quen estivo en Ourense os cinco primeiros días de campaña, e que volverá a Ourense o día do mitin central", e tamén destacou a presenza do secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda que asistiu á apertura da carpa electoral "e volverá estar en Ourense na vindeira semana".
Rajoy en Ourense
Manuel Baltar cualificou de "magnífica e exitosa" a primeira semana de campaña "polo entusiasmo que notamos na xente", e afirmou que tanto ou máis o vai ser a segunda semana, en concreto o vindeiro martes, coa visita a Ourense de Mariano Rajoy, "quen ven para asumir compromisos con Ourense e para estar cos ourensáns a pé de rúa, para escoitalos, para falar cos cidadáns, porque así é como se fai política, cun contacto total e directo coa xente, e non como fixeron Felipe González e Zapatero que se atrincheraron na Moncloa dándolle as costas á cidadanía".
A axenda de Mariano Rajoy en Ourense inclúe tamén unha visita á sede do PP, onde manterá un encontro cos membros da Xunta Directiva Provincial, cos que analizará as estratexias e os proxectos que os populares teñen para os 92 concellos da provincia.
Manuel Baltar, quen compareceu para facer unha valoración da campaña acompañado dos cabezas de lista ao Congreso e ao Senado por Ourense, Celso Delgado e Carmen Leyte, dixo que "o Partido Popular segue poñendo o acento nas máis de 26.000 persoas que non teñen traballo en Ourense. Esa é a nosa principal preocupación e por iso estamos a explicar as solucións que o programa do PP propón para poñer fin a esa lacra social provocada pola nefasta xestión socialista", e engadiu: "Mentres Rubalcaba fala de Rajoy, o Partido Popular fala de España, dos problemas que ten, e dos proxectos que hai que poñer en marcha para solucionar os problemas de emprego, da economía e do benestar que ten o noso país".
Baltar afirma que o PP "está a conectar máis ca nunca cos cidadáns, porque somos o partido da xente: pensamos como cada un dos cidadáns, como cada un dos pais, dos fillos, dos avós e dos xóvenes. Identificámonos con todos porque todos os españois sabemos que isto non pode seguir así, e o vindeiro día 20 ímolo cambiar entre todos, para que estes oito anos perdidos e cheos de tristura e ineficacia se convertan en ilusión por un futuro de benestar para as persoas e as empresas".
"O PP é o único partido que sae a gañar estas eleccións -explicou Baltar-: o BNG está desaparecido, e o PSOE, que anima ao bipartidismo, di que sae a empatar. Pois tal e como están as cousas, se algo necesita España nestes momento é valentía e firmeza, non políticos que, como non teñen programa, só fan preguntar polo programa dos demais. Así nos foi estes anos. Pero que non se preocupe o señor Rubalcaba que se non ten ideas nin proxecto pode fotocopiar o programa do PP para aprender cómo hai que facer as cousas polo ben da cidadanía".








