Blog

 Manuel Baltar: "Rubalcaba busca preguntas porque non ten respostas"

Imprimir ppou - 10-Novembro-2011 - 21:00:51 

Ourense, 10 de novembro de 2011.- O presidente provincial do PP de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe en Amoeiro que Rubalcaba e os socialistas "están desesperados buscando preguntas porque xa non teñen respostas que dar aos millóns de cidadáns que sofren a incompetencia da súa xestión". "Logo de oito anos de políticas erráticas -engadiu-, e de dar tumbos e de poñer do revés a economía deste país, veñen agora esixindo, como se a cousa non fora con eles e como se non tiveran responsabilidade do nefasto Goberno socialista que nos tocou soportar".
Baltar considera que esta é "a máis grave falta de respecto de cara aos cidadáns, porque o primeiro que ten facer un político serio e responsable é dicir a verdade e pedir perdón polos erros cometidos, moito máis cando se está a xogar co pan e co futuro das persoas".
Manuel Baltar dixo que quen queira máis paro, máis recortes e máis impostos "entón ten que votar PSOE". "Os españois -afirmou- non poden esperar por máis tempo polos cambios, temos que provocalos o día 20 co voto ao PP". E rematou comparando ao PSOE "o partido do paro, da sinrazón, da opacidade e dos ERE's", co PP "un Partido Popular de prosperidade e sobre todo de confianza, unha palabra que xa non existe no diccionario dos socialistas".
Pola súa banda, o cabeza de lista ao Congreso por Ourense, Celso Delgado dixo na súa intervención no barrio da Ponte que o emprego "é o motor da economía e o piar do estado do benestar". Por elo, o programa do PP estrutúrase en torno a unha serie de reformas "cribles e realizables" "baseadas no crecemento económico e na xeración de emprego, ademais da garantía da protección social".

Suscíbete:
Redes Sociales: