Blog

 O director de obra de Montealegre recoñece que non estaba en condicións de ser inaugurado o Botánico en xuño

Imprimir ppou - 09-Novembro-2011 - 14:08:52 

Ourense, 9 de novembro de 2011.- Un mes despois da solicitude formal do Grupo Municipal do PP (rexistrada o 13 de outubro), esta mañá compareceu en xunta de área de Medio Ambiente, Peris e Aris o director de obra do Xardín Botánico de Montealegre, Francisco Rodríguez Castalleda.
Nesta reunión, o técnico puxo de manifesto, a preguntas dos concelleiros populares Odilo Masid e Guillermo Collarte, que, efectivamente e como sempre lembrou o Partido Popular, a obra do Xardín Botánico non estaba en condicións de ser inaugurada o pasado 10 de xuño. Confirmou a dirección facultativa desta obra que daquela, a obra estaba certificada ao 90%.
Ainda que o técnico tamén anunciou que a data de fin de obra está fixada agora para o vindeiro 25 de novembro (o alcalde chegara a anunciar este feito para o 11 de novembro, día do San Martiño e dos tradicionais magostos), no encontro se manifestou que se están acometendo melloras no proxecto inicial, correspondentes a unha partida alzada (non definida inicialmente pero incluida na oferta económica da adxudicación por valor de 343.493,82 euros). Estas melloras están orientadas a resolver cuestións coma o abastecemento, o saneamento e a instalación eléctrica, que non estaban contempladas como tal no proxecto inicial. A raíz da presión do Grupo Municipal do PP, que en todo momento lembrou este asunto e puxo de manifesto as graves deficiencias e carencias da obra, estas melloras están sendo acometidas actualmente a través das concesionarias.

Nestas modificacións se contemplan tamén melloras no acceso a persoas con discapacidade, ainda que o técnico lembrou que será imposible eliminar o 100% das barreiras arquitectónicas dada a natureza forestal do proxecto.
O que non está contemplado de ningún xeito polo de agora é a mellora do acceso por estrada a este recinto, tan deficiente que é imposible o acceso de autobuses e moi dificultoso para os vehículos particulares. Non estaba contemplado no proxecto da obra e o Bipartito non ten previsto acometelo polo de agora, tal e como se manifestou na reunión, recoñecendo ademáis a deficiencia de acceso para o que se supón será un foco de atracción turística. Con todo, o director de obra manifestou que a día de hoxe, o Xardín Botánico está executado ao 95%. Esto é, se mellorou nun 5% o que estaba previsto no proxecto inicial, máis todas as obras que non contemplaba a previsión inicial (saneamento, electricidade, regadío e accesibilidade para persoas con discapacidade, así como a reposición de plantas deterioradas e paneis electrónicos).
Por último, o concelleiro Odilo Masid propuxo na xunta de área que antes da recepción da obra, os membros da xunta de área se constitúan en comisión para controlar dito proxecto, como xa se fixo con outros no pasado como foran a Ponte do Milenio ou as Termas da Chavasqueira. Tódolos membros da xunta diron o seu visto bo a esta proposta.
Suscíbete:
Redes Sociales: