Noticias
Blog
Alberto Núñez comprométese a "blindar" o Pacto do Obradoiro nos "primeiros cen días de Goberno do PP" para a chegada do AVE

O presidente do PPdeG e da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, prometeu hoxe en Ourense "blindar" o Pacto de Obradoiro nos "primeiros cen días de mandato do PP", tralas elección do próximo día 20. O líder popular de Galicia afirmou que "precisan" dun executivo central que, "ao contrario do goberno socialista, comece e remate o galego AVE ademais do resto das infraestruturas na comunidade".
Núñez Feijóo fixo estas declaracións durante o encontro que mantivo no Centro Cultural o cabeza de lista ao Congreso por Ourense, Celso Delgado, con colectivos empresariais e sociais de Ourense, encontro no que tamén participou o presidente provincial do PP, Manuel Baltar. Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo asegurou que en dous mandatos de goberno socialista en España o 40 por cento do tramo galego do AVE aínda non estea nin sequera en contratación ".
Núñez Feijoo explicou que o PP "vai facer e pagar" o AVE galego "para que os cidadáns despois dunha longa espera poidan gozar finalmente dunha conexión que os andaluces xa teñen hai décadas", e engadiu que Ourense será "sen dúbida" o "principal beneficiario do tren de alta velocidade".
Pola súa banda, Celso Delgado realizou unha revisión da "triste realidade" que está a dar a crise económica, con máis de 26.000 parados na provincia de Ourense, e engadiu que o PP "non se resigna a esta situación". Celso Delgado dixo que hai que incidir sobre o "crecemento económico e a creación de emprego e garantir as proteccións sociais, e reforar e modernizar o sector público baixo os auspicios da transparencia, austeridade e eficiencia".
O número 1 ao Congreso por Ourense realizou tamén unha revisión dos incumprimentos do goberno de Rodríguez Zapatero sobre a chegada da alta velocidade de Galicia dende 2009 e reiterou que Rajoy e Núñez Feijoo "si teñen un firme e real compromiso que cumprirán".








