Noticias
Blog
A Xunta de Galicia executará en Larouco obras de saneamento e abastecemento en Seadur

Xoaquín Bautista Prieto, alcalde de Larouco, reuniuse en Santiago con Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, e obtivo o compromiso autonómico da execución de obras de saneamento e abastecemento en Seadur. Na xuntanza estivo presente o deputado autonómico e presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar.
O Alcalde de Larouco manifestou a súa satisfacción polo compromiso do goberno autonómico para executar unha obra moi necesaria para a poboación e que conta cun orzamento de 750.000 euros.
A obra contempla a execución de 2.773 metros de canalización de PVC que dotarán ao lugar dunha rede para augas pluviais. Así mesmo proxéctase unha rede de saneamento de 5.064 metros de lonxitude tamén en tubaxe de PVC de 250 mm de diámetro.
Prevese tamén a instalación dunha EDAR composto por un decantador dixestor primario un tratamento en leito bacteriano e un decantador dixestor secundario.
Pola outra banda, executarase unha rede de abastecemento de mais de 2.400 metros de lonxitude.
As obras prestarán servizo aos 109 habitantes do lugar.
Manuel Baltar salientou a importancia dun investimento destas características nun momento de difícil situación económica e subliñou que a obra figura xa incluída nos orzamentos para o ano 2012. Segundo Agustín Hernández, o proxecto está sendo tramitado por Augas de Galicia e licitarase no primeiro semestre do vindeiro ano.








